O portavoz de Turismo do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, advertiu que a Xunta vén de confirmar no Parlamento que en realidade non existe acordo algún para facer un albergue público no Concello, que está dentro do Camiño Inglés. O responsable socialista presentara unha pregunta oral en Comisión, que se debateu hoxe, para confirmar o anuncio feito polo alcalde en diversas reunións municipais.
O secretario xeral de Cultura e Turismo confirmou, en resposta á pregunta deste deputado, que non consta nin acordo nin petición algunha por parte do Concello con relación a esta infraestrutura. Pérez Seco sinalou que, de acordo co alcalde de Fene, a Xunta tiña un suposto acordo co Concello para facer o albergue público, polo que lle reclamou ao goberno galego que clarificara os supostos prazos e orzamentos para este proxecto.
Sinalou que esta ruta rexistrou un incremento do 197 por cento nos peregrinos entre 2014 e 2018, malia o que só contan con 127 prazas de albergue en Neda, Pontedeume, Miño, Betanzos e Bruma. O primeiro albergue público da ruta, o de Neda, ten capacidade para 28 persoas, e recibiu a 420 peregrinos só en setembro, e a continuación pasan por Fene e Cabanas, onde non hai albergue, ata Pontedeume, cun albergue público que estivo completo tódolos días no verán.