A portavoz de Facenda e de Política Municipal do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe á Xunta de ter deixado sen executar un total de 100 millóns de euros dos convenios e subvencións previstos nos Orzamentos para os concellos galegos. No debate dunha pregunta oral en Comisión, puxo en dúbida o reparto das axudas que si executan por canto 8 de cada 10 concellos beneficiados son do PP.
Rodríguez Rumbo explicou que o ano pasado, último co exercicio contable pechado, a Xunta deixou sen executar 54,5 millóns de euros destinados ás corporacións locais galegas, que se suman aos 43 millóns de euros do ano 2017. Un total de 100 millóns de euros que a Xunta deixa de entregarlle a uns concellos nos que “o seu problema máis grande é o financiamento, e que durante a crise foron os que evitaron a exclusión económica e social da cidadanía”.
Censurou que o goberno galego estea empeñado de estrangular financeiramente ás entidades locais, sinaladamente das que forman parte doutras formacións políticas, xa que 8 de cada 10 concellos beneficiados polas axudas do goberno galego son do PP. Rodríguez Rumbo denunciou que o goberno galego actúe “como axente electoral dos concellos do PP”, principal beneficiario das axudas do goberno galego.
A responsable socialista levou hoxe á Cámara varios exemplos destas actuacións por parte do goberno galego, como que 9 de cada 10 concellos que recibiron os 2,7 millóns do Plan de Infraestruturas Rurais foran do PP. O mesmo sucede cos 13 millóns do Plan Hurbe -94 por cento dos concellos receptores eran do PP- ou cos 2,5 millóns de subvencións de Presidencia en réxime de concorrencia non competitiva -8 de cada 10 concellos beneficiarios eran tamén do PP-.
8 de cada 10 concellos beneficiados polos convenios de Presidencia durante todo 2018, sinalou, tamén eran do PP, así como 7 de cada 10 concellos que recibiron os convenios de Augas de Galicia. Sinalou ademais actuacións cuestionables, como o reparto de 4 millóns de euros para infraestruturas e equipamentos de Medio Ambiente, que sorprendentemente se esgotaron en 12 minutos..
Este tipo de prácticas, dixo, evidencian o interese do goberno galego polo progreso dos concellos, e demostran que “teñen renunciado a poñer sobre a mesa os mecanismos suficientes para resolver os problemas de dispersión, avellentamento e emigración da poboación moza” que atacan aos concellos galegos”. Por iso Galicia perdeu máis de 95.000 habitantes dende que chegou Feijóo, perdendo en 10 anos 220.000 menores de 40 anos.
Esta Comunidade Autónoma ten hoxe 88.300 ocupados menos que en 2009, conta co crecemento vexetativo máis baixo do Estado e é a terceira pola cola en canto ao indicador conxuntural de fecundidade. Hoxe, por cada 100 menores de 16 anos Galicia ten 156 maiores de 64, e 9 de cada 10 concellos ten menos de 20.000 habitantes.