O Grupo Socialista vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que reforce os medios e persoal do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. As parlamentarias socialistas Carmen Rodríguez e Marina Ortega presentaron estas iniciativas logo da “situación crítica” que viviu o servizo a pasada semana poñendo en risco a seguridade dos profesionais e os pacientes.
As situacións “moi graves” vividas no servizo, sinalan as parlamentarias socialistas, “denotan unha xestión moi deficiente por parte do xerente do Servizo de Urxencias”. Esta situación “debe facer reaccionar ao goberno galego e tomar de maneira inmediata todas as medidas necesarias para controlar a situación da área”.
Carmen Rodríguez urxe a tomar “tódalas medidas necesarias para controlar a situación da área, asegurando unha atención digna aos pacientes covid – 19 e non covid – 19, e poñendo en marcha os protocolos necesarios para minimizar os riscos de contaxios de coronavirus”. Reclaman o reforzo de medios e persoal no Servizo de Urxencias “diante do caos organizativo e de xestión que está a acontecer”.
Alude así ás denuncias por parte dos profesionais do servizo, que a pasada semana queixábanse de “traballo exhausto, falla de persoal, e dunha Dirección que lles obriga a mesturar positivos con outros pacientes”, convertendo toda a área de Urxencias en área covid – 19. Así, fallan boxes específicos para atención de enfermos non covid e denuncian “falla de espazo físico para unha atención digna”.
Esta situación resúmese, segundo os propios profesionais, a unha “situación desesperada” provocada pola “falla de dirección dos cadros do Sergas encargados da coordinación das áreas afectadas”.