A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para urxirlle á Xunta que habilite a totalidade das prazas dispoñibles na Residencia de Maiores de O Cornuval, en O Carballiño. Blanco lembra que a residencia, construída e equipada polo goberno socialista para 80 persoas, foi paralizada por Feijóo durante 4 anos, para despois abrir só 25 prazas cedida á xestión privada.
A responsable socialista considera “indecente” que o goberno de Feijóo teña mantido a residencia ao 30 por cento da súa capacidade real –foi aberta con 20 prazas, ampliadas posteriormente a 25-, cando ten unha lista de agarda de 90 persoas. Os socialistas presentan de novo esta proposta, que o PP xa rexeitou en 2017, para incrementar as prazas ata o número para o que foi concibida, nun prazo máximo de 3 meses.
Blanco alerta de que a falla de uso provoca un serio risco de deterioro do equipamento, por non falar da atención aos maiores na provincia máis envellecida de España, onde o número de persoas maiores de 64 anos triplica ás de menos de 16, e a oportunidade perdida de xerar emprego.
A parlamentaria socialista solicita así unha visita institucional da Comisión de Política Social ás instalacións da residencia “para comprobar en que estado de atopa debido ao deterioro do material e das instalacións por desuso durante todos estes anos” nos que estivo funcionando a menos dunha terceira parte da súa capacidade.