A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle hoxe á Xunta que “garanta o bo tratamento das augas residuais urbanas e un sistema axeitado de tratamento en todo o Concello de Ponteareas”. Vilán presentou unha proposición non de Lei en Comisión parlamentaria para esixir a posta en marcha do saneamento de Ribadetea en marzo de 2020, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista alertou das “graves deficiencias” da rede de saneamento e depuración das augas residuais de Ponteareas, onde “moitas das súas parroquias non teñen rede de saneamento”. Este é o caso, dixo, de Ribadetea, onde moitos dos 800 veciños e veciñas “verten a minidepuradoras que non funcionan correctamente, moitos a fosas sépticas e moitos a caño libre ao río Tea”.
Vilán critica que o PP desminta hoxe o prazo ofrecido polo mesmo goberno galego para poñer en marcha o saneamento integral en marzo de 2020. Lembrou que o Pleno do Concello aprobou en setembro de 2018 unha iniciativa para esixirlle á Xunta un proxecto de saneamento integral para a parroquia, que foi licitado en 2019, co compromiso de poñelo en marcha en marzo de 2020.
Fracaso no saneamento
A parlamentaria socialista sinalou o “fracaso” da xestión en saneamento de augas urbanas por parte do goberno galego, que logo de máis de 10 anos de presidencia de Feijóo “Galicia perde oportunidades de avanzar, sen posibilidade de recibir as subvencións da UE e coa imposición de sancións pola súa deficiente depuración”.
Lembra que a Comisión Europea xa ten imposto sancións a España e anunciado novas denuncias diante o Tribunal de Xustiza da UE porque “non existe garantía de bo tratamento das augas residuais urbanas en varias zonas de Galicia, onde “falta u sistema axeitado de tratamento e porque existe risco para a saúde pública”.