A parlamentaria socialista Noela Blanco vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que garanta a continuidade do paridoiro do Hospital de O Barco de Valdeorras. Alerta fronte á decisión da Xunta de “atacar” aos paridoiros nos hospitais comarcais en base ao número de nacementos, como veu de facer en Verín.
Blanco advirte que “este tipo de política de recorte de servizos supón unha ameaza para os hospitais comarcais, en concreto o de Valdeorras, que en 2018 rexistrou 122 nacementos”, e que “no canto de gabarse por estes nacementos, a política da Xunta vennos a dicir que esta cifra é insuficiente”. Amosou o “rexeitamento ás políticas de desmantelamento da sanidade pública que vén desenvolvendo o Goberno galego” e que afecta sinaladamente ás mulleres e ás zonas rurais.
A responsable socialista reclámalle ao goberno galego que aclare “se van estender a decisión de recortar o servizo de paridoiros noutros hospitais comarcais de Galicia, nomeadamente no de Valdeorras”.
Ademais, reclama “accións concretas para reverter a política de perda de servizos sanitarios no rural, coa adopción de medidas que permitan deseñar un mapa sanitario racional, que prime a igualdade na prestación de servizos en todo o territorio e contribúa deste xeito ao asentamento de poboación no rural”.