A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, esixiulle hoxe á Xunta que garanta a continuidade da actividade de Ferroatlántica en Cee e Dumbría. Rodríguez Rumbo presentou unha pregunta oral en Comisión na que lembrou que a venda do Grupo debe manter as obrigas sobre as concesións hidroeléctricas do Xallas.
A parlamentaria socialista sinalou que a Xunta ten a obriga de garantir o cumprimento da “condición esencial de non segregación da produción de ferroaliaxes e de enerxía eléctrica nas centrais”. Sinalou neste sentido, en alusión a un informe da Universidade de A Coruña, que o proceso de venda debe ser autorizado “previa a expresamente” por Augas de Galicia, e que “non basta cunha comunicación á administración”.
Rodríguez Rumbo sinalou precisamente que Augas de Galicia “ten a obriga de pronunciarse sobre se o negocio xurídico de Ferroatlántica está suxeito á autorización previa do organismo, e se iso conleva a presentación dun Plan de Viabilidade que garanta a actividade das ferroaliaxes”, como entendeu xa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Apuntou á importancia do dito Plan de Viabilidade, que previsamente é o mecanismo do goberno galego para garantir o funcionamento de tódolos fornos, e polo tanto o mantemento do emprego “para esta factoría e toda a Costa da Morte”. Esixiu o compromiso do Executivo autonómico para “velar por que siga sendo un dos motores do funcionamento industrial da Costa da morte”.