A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou unha serie de preguntas parlamentarias logo do incendio rexistrado hoxe na factoría de Ence en Lourizán –Pontevedra-. A responsable socialista reclamoulle ao goberno que dea conta das causas do lume e explique se foron activados os protocolos de seguridade tanto dentro como fora da factoría.
Vilán explicou que a compañía emitiu un comunicado oficial no que “tan só sinalaba que o fume non afectara ás poboacións circundantes e que analizarían as causas do incendio” que calcinou unha torre de refrixeración diante das oficinas da empresa e ao carón dun secapastas. O lume foi controlado en media hora sen provocar danos persoais, pero provocou o desaloxo da fábrica e as lapas “foron moi altas e xeraron unha densa columna de fume”.
A parlamentaria socialista lembra que a presenza de Ence na Ría é contraria a un acordo parlamentario subscrito polo mesmo presidente da Xunta hai agora tres lexislaturas “para reclamar unha nova situación fora da ría de Pontevedra. Sen embargo, o goberno de Mariano Rajoy –estando en funcións pendente dunhas eleccións- concedeulle á empresa unha prórroga de 60 anos máis “coa bendición do goberno galego”, o que provocou unha forte contestación social.