A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á Xunta que habilite os dispositivos necesarios para permitirlles aos pacientes de ELA comunicarse co seu entorno, e que ademais están incluídos na carteira de servizos do Servizo Nacional de Saúde. Ortega presentou unha batería de iniciativas para pedir uns dispositivos fundamentais para unhas persoas que fican “confinadas no seu propio corpo” a medida que avanza a enfermidade.
Subliñou a situación delicada destas persoas, que teñen que decidir si aplicar unha traqueostomía condicionados pola disposición dos dispositivos, tal e como explica a Asociación Galega de ELA –Agaela-. A responsable socialista presentou esta batería de iniciativas por segunda vez na Cámara autonómica logo de que o PP se negara nun primeiro momento a tomar en consideración estas peticións.
Explicou que a Xunta leva un ano de retraso na adquisición destes dispositivos logo de que o Ministerio de Sanidade incluíra estes dispositivos en abril de 2019, cun prazo de seis meses para que as comunidades autónomas os puxeran a disposición. Sinala que en Galicia hai pouco máis de 200 pacientes de ELA que están a padecer unha “demora inasumible” para dispor duns dispositivos que teñen un custe de entre 3.500 e 3.800 euros.
Explicou que o custe dos equipos -que constan de lectores oculares, brazos articulados e tablets- resulta viable para a administración autonómica, e que ademais poden ser reutilizados por outros enfermos. Sinalou que o goberno galego debe facilitar estes dispositivos fundamentais para que os enfermos de ELA se comuniquen co entorno tal e como dispón tamén de cadeiras de rodas para os enfermos que as precisan.
As iniciativas que presenta o Grupo Socialista pedindo o amparo da administración autonómica incorporan a posibilidade de desbloquear de urxencia unha partida orzamentaria directa para abrir a posibilidade de adquirir estes dispositivos para os pacientes que non poidan asumir o seu custe. Tamén pide a reforma da figura do asistente persoal para estes enfermos, para salvar os recortes nas libranzas dos coidadores derivados do RD de 2012 que reduciu as axudas da Dependencia.
Vacinas
Marina Ortega reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta e aos responsables das consellerías de Política Social e Sanidade que expliquen publicamente as irregularidades rexistradas no proceso de vacinación contra o coronavirus. Aludiu así tanto ás denuncias de 200 vacinas irregulares en Pontevedra como ao caso da alcaldesa de Boimorto e, agora, á xerente de DomusVi, da que segundo os medios de comunicación tamén se tería beneficiado o seu irmán.
Considera “urxente” que “dean a cara” e ofrezan unha explicación “mirándolle aos ollos á cidadanía”, explicando ademais “cal é o marco legal e administrativo polo que están vacinando a estas persoas”. Preguntou “por que –a xerente de DomusVi- vai por diante de persoas que permanecen en primeira liña e seguen sen recibir as vacinas que lles proporciona a Xunta”.
Sinalou que coa situación provocada pola pandemia “non podemos consentir” este tipo de situacións, e reclamou un proceso de vacinación “sistemático e optimizado” que “blinde” ás persoas que as requiren.