A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que convoque en 2020 o Programa de axudas á formación posdoutoral. As axudas, que deberan ser convocadas en xuño, aínda non foron abertas pola Xunta, provocando “unha importante eiva na carreira investigadora dos afectados e no potencial investigador de Galicia”.
Díaz sinala que outras institucións homólogas teñen convocado programas semellantes en Europa con todas as garantías sanitarias obrigadas e sempre que os centros de destino o permitan, mentres o goberno galego segue sen dar o paso “aludindo á pandemia global da covid-19”. Advirte que manter o bloqueo “provoca ademais que as bolsas perdan atractivo para o persoal investigador, que non pode planificar a súa solicitude axeitadamente e con tempo”.
Estas bolsas permiten incrementar a incorporación de persoal investigador ao sistema de I+D+i galego, fomentando a mobilidade internacional e posibilitando unha liña de investigación na súa institución de orixe. Explica que estas axudas comprenden dous anos de estadía nunha universidade estranxeira e un de retorno nunha universidade galega, coa opción de ampliar dous máis para iniciar unha liña investigadora en Galicia.