A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, chamou hoxe á Xunta a sumarse a un acordo unánime no Parlamento para apoiar “que se manteñan os estaleiros galegos, incluído Hijos de J. Barreras”. A responsable socialista presentou unha interpelación na que lle reclamou “solucións” para a situación da factoría viguesa logo da saída de Pemex e logo de coñecer a oferta de Ritz – Carlton.
Rodríguez Rumbo aproveitou a presentación da Interpelación para ofrecerlle ao conselleiro de Industria un acordo unánime do Parlamento en base á moción que presentarán a continuación os socialistas galegos e que será debatida na próxima sesión plenaria. Reclamoulle así unha valoración da situación do estaleiro e “que expliquen que solucións teñen barallado para darlle solución a esta crise industrial e viabilidade presente e futura” para a factoría.
Lembrou que foi o propio Feijóo quen trouxo hai 7 anos á petroleira mexicana nunha “xigantesca operación de propaganda”, para que en 2013 pasara a controlar o 51 por cento das accións de Barreras, anunciando unha ampliación de capital de 5,1 millóns de euros. Sen embargo, en novembro de 2016 anunciaban a renuncia a construír un novo flotel e a súa marcha de Barreras, que quedou ao borde da disolución ata o anuncio de entrada, agora, de Ritz – Carlton.
A situación de Barreras, lembrou, é o que queda da chegada da petroleira mexicana a Galicia da man de Feijóo en 2012, anunciando “a construción de 2 floteis, unha base loxística de hidrocarburos, 3 buques tanque, 1 petroleiro, 1 quimiqueiro e remolcadores”. Sen embargo, de aquel anuncio solemnizado por Feijóo en precampaña electoral “só quedaron 2 floteis” e a paralización de tódolos demais proxectos.
Cinismo político
Rodríguez Rumbo empregou esta iniciativa para criticar o “cinismo político” amosado polo goberno galego ao agochar a súa inacción detrás das críticas contra a actuación do goberno galego. Desafiou ao conselleiro a “vir despois de reunirse coa ministra para a Transición Ecolóxica e afirmar que o goberno de España quere pechar as centrais térmicas de As Pontes e Meirama”.
Criticou que a Xunta ataque os esforzos do Executivo fronte a unha decisión unilateral de Endesa de adiantar o peche logo de estar “calados” cando Rajoy anulaba 72 millóns de fondos Miner destinados a Cerceda e As Pontes, ou logo de excluír en 2014 a 14 concellos galegos das axudas do goberno central para apoio ás localidades mineiras. Preguntou ademais “que teñen para que Naturgy invista os 100 millóns de euros comprometidos en Meirama”.
Rodríguez Rumbo criticou o “fracaso da política industrial do goberno galego, impasible fronte á crise industrial provocada pola descarbonización, acelerada agora pola UE, e que renuncia á modernización económica e do emprego industrial para afrontar as consecuencias do brexit ou da guerra arancelaria entre Estados Unidos e China.
Denunciou que en 10 anos de goberno teñan provocado a perda de 4.400 ocupados na industria e recabando a segunda peor evolución do Índice de Produción Industrial do Estado, cunha taxa negativa de -5,5 puntos no rexistro do pasado outubro.