Paloma Castro celebra a decisión do goberno, que constitúe “un paso máis para facer xustiza, porque non hai futuro sen memoria”
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe ao goberno galego que colabore co Estado nas actividades que implica o recoñecemento do Pazo de Meirás e a Illa de san Simón como Lugares de Memoria Democrática. A responsable socialista presentará unha batería de iniciativas para reclamar a cooperación da Xunta “neste recoñecemento como un paso máis para facer xustiza, porque non hai futuro sen memoria”, apostillou.
Castro reclamoulle ao goberno galego a súa implicación nas actividades de protección e usos derivados da aplicación desta figura de protección recoñecida na Lei de Memoria Democrática nos dous lugares. A responsable socialista emprazou á Xunta a abandonar o seu desleixo coa memoria e participe das actividades de reparación da memoria das vítimas, así como de información e sensibilización á cidadanía que implica o cumprimento da Lei.
Celebrou a decisión do goberno central de aplicar esta medida e sinalou que os socialistas galegos “cremos, e así o defendemos nas nosas intervencións e iniciativas parlamentarias, que as dúas localizacións cumpren cos requisitos legais” para ser declarados Lugares de Memoria Democrática.
Alude así ao seu papel durante a guerra civil e tamén nos anos de ditadura franquista, como é o caso da Illa de San Simón, un “lugar de necesario recoñecemento para a reparación da memoria das persoas -e as súas familias- encerradas inxustamente no enclave, no que foron sometidas a tortura e trato inhumano”. Alude así ao uso da Illa como campo de concentración e de exterminio entre os anos 1936 e 1943.
Engade por outra banda que o Pazo de Meirás “representa a expropiación a un pobo e o autoritarismo, onde se tomaron decisións durante as temporadas nas que residía alí o ditador” que, logo da súa apropiación a través dunha colecta forzosa en 1938, decidiu fixar nel a súa residencia veraniega. O Estado recuperou a propiedade do inmoble no ano 2020, logo de anos de loita veciñal e do movemento memorialista e co impulso dos gobernos dirixidos por presidentes socialistas.