O parlamentario socialista Luis Álvarez presentou hoxe unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que axude ao Concello de Barreiros a financiar unha nova Edar en Barreiros. Álvarez preguntoulle á Xunta “que lle pasa co alcalde de Barreiros”, do PP, cando si que están a realizar unha infraestrutura semellante no Concello de Foz, tamén gobernado polo PP.
O responsable socialista lembra que malia que a depuración das augas residuais é competencia dos concellos, requiren axudas para a execución e financiamento das Edares porque se trata de investimentos inabarcables para as finanzas municipais, tal e como determina, dixo, a propia web de Augas de Galicia.
Álvarez lembra que a situación do Concello está a ser preocupante, pois a actual depuradora só ten capacidade para tratar as augas residuais de 500 veciños, e Augas abriulle xa 6 expedientes ao Concello, tal e como lle informaron ao Grupo Socialista en resposta a unha pregunta por escrito.
Nin idea
O parlamentario socialista reclamou a colaboración do goberno galego logo de constatar que o alcalde do Concello afirmara, despois dunha entrevista co presidente da Xunta no pasado mes de setembro, non ter “nin idea” do proxecto.
Daquela a conclusión, lembra, fora que a Xunta tiña o proxecto feito e estamos mirando que se faga, dixo Álvarez en alusión ás palabras do alcalde, nunha acttiude que cualificou como de “resignación bíblica diante do que semella un castigo divino”.