A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, urxiu hoxe un Plan de Choque da Xunta que complemente a iniciativa do goberno central para evitar o “colapso” da Xustiza derivado da pandemia do coronavirus. Presentou unha pregunta en Comisión para lembrarlle á Xunta que debe exercer as súas competencias tanto en programacións como en xestión de medios persoais e materiais na Administración da Xustiza.
A responsable socialista lembrou que o goberno do Estado ten aprobado pola vía do decreto un plan de axilización da actividade xudicial complementado cun plan de choque a nivel estatal. Sen embargo, lamentou, isto non animou ao goberno galego a asumir as súas competencias para achegar “ningún plan ou engádega para adaptar as medidas do Estado á nosa situación” en previsión de futuras restricións.
Castro advertiu que a xustiza autonómica está “convalecente” logo do parón de actividade polo confinamento, que se vén sumar ás consecuencias da folga de 114 días que sufriu en 2018. O modelo de administración da Xustiza galega por parte da Xunta, dixo, tense demostrado “deficiente e ineficaz”, por moito que o goberno galego conte coa obriga de garantir os medios materiais e persoais.
Moi deficiente
Explicou que o desleixo do goberno galego provoca que o desenvolvemento tecnolóxico na administración da xustiza galega sexa “moi deficiente”, derivando en que por exemplo, e a diferenza doutras administracións, a aplicación do teletraballo sexa tamén “moi deficiente”.
Dixo que a incidencia do parón na xustiza galega tivo “consecuencias nefastas”, mesmo chegando a minorar a seguridade xurídica dos cidadáns, ademais das graves consecuencias para os profesionais da xustiza, entre os que citou a avogados e procuradores que estiveron meses sen actividade e sen que a Xunta teña feito “nada”.