Begoña Rodríguez Rumbo sinala que o PP “despacha” o informe de fiscalización de 2021 cun debate de 5 minutos mentres fai caso omiso das recomendacións do ente de control
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe ao goberno galego de “amordazar” ao Consello de Contas limitando o debate dos informes de fiscalización para despois incumprir as recomendacións presentadas polo ente fiscalizador. A responsable socialista interveu no debate en Pleno do informe correspondente ao ano 2020, no que só incorporaron 1 proposta das 37 presentadas polo Grupo Socialista.
A responsable socialista acusou ao PP de “desvirtuar” o traballo do Consello de Contas “despachando” o debate en apenas 5 minutos por cada Grupo Parlamentario, “a razón de 1.000 millóns de euros por minuto” tendo en conta os orzamentos de 2020.
Explicou que o debate prodúcese 9 meses despois de ter sido presentado polo ente fiscalizador co obxectivo de que “perdan vixencia e pasen desapercibidos á cidadanía”. Ademais, engadiu que o informe debatido hoxe corresponde ás contas de 2020, cando a maioría dos parlamentos do Estado están xa aprobando os informes do ano 2021.
O propio Consello de Contas advirte no seu informe que a inmensa maioría das peticións que incorporan teñen que ser idénticas ás dos anos anteriores porque o goberno galego “non toma as medidas necesarias ou as adaptacións normativas de obrigado cumprimento para aplicalas”. De feito, sinala que “ningunha das recomendacións aceptadas foi aplicada na súa totalidade”, e incluso dúas delas foron rexeitadas, amosando “unha total falla de respecto institucional”.
Rodríguez Rumbo explicou que os socialistas galegos presentaron un total de 37 propostas de resolución, das que só dúas delas foron respondidas polo PP con propostas de transacción, pero só aceptaron unha delas porque a outra desvirtuaba o sentido da resolución orixinal. A iniciativa aprobada, ademais, reclama a posta en marcha do rexistro de entidades do sector público que segundo a Lei tiña que estar cumprido dende 2010.