A responsable do Grupo Socialista na Comisión de Peticións ao Valedor do Pobo, Patricia Vilán, reclamou hoxe o cese da Valedora do Pobo. Así o dixo no debate en Pleno logo de que esta fora condenada polo TSXG por facerlle un “traxe á medida” á irmá do portavoz do PP e ademais amiga súa, nomeada xefe de servizo de forma irregular, e que se mantén no cargo co apoio do PP.
A responsable socialista pasou de reclamar a dimisión de Milagros Otero, logo da súa comparecencia en Comisión o pasado xoves, a votar hoxe o seu cese na primeira ocasión na que se debate unha proposta deste tipo nunha cámara lexislativa do Estado. Vilán sinalou que a mesma Valedora debera ter renunciado ao cargo dende o momento en que perdeu o apoio dos tres quintos do Parlamento que a escolleron.
Comparou ademais a situación da Valedora, proposta polo PP, co presidente do Consello Consultivo, tamén proposto polo PP e condenado en firme por irregularidades, ou co presidente da Deputación de Ourense, condenado por un proceso selectivo irregular. Sinalou que aquel partido “ten un problema coa transparencia” e emprazounos sen éxito a votar polo seu cese.
Vilán acusou a Otero de “ter demostrado que non respecta ao Lexislativo nin ao Xudicial, ademais de estarlle facendo á institución un dano irreparable” en todo este proceso, e Lembrou que a súa figura é encargada de velar polos dereitos fundamentais e as liberdades públicas da cidadanía.
Relatou a continuación o rosario de irregularidades que lle atribúe á Valedora -a quen lle retirou simbolicamente a consideración de alta comisionada do Parlamento- o Tribunal Superior de Xustiza. Sinalou así que o nomeamento da irmá do portavoz do PP foi anulada por unha “flagrante vulneración do procedemento, desviación de poder e arbitrariedade, sinalando os criterios e méritos do cargo para garantir que recaera na persoa elixida.
A parlamentaria socialista lamentou que a actual valedora teña “perdido a perspectiva da realidade” vivindo nunha “realidade virtual e paralela”, chegando a cualificala de “avatar de Valedora”. Aludiu así á súa comparecencia en Comisión, na que “primeiro dixo que delegara –no proceso selectivo-, despois que era unha substitución”.
“A continuación –continuou- sinalou que se abstivera –do proceso de designación- en xeral, despois por unha causa concreta, despois pola súa relación cunha das candidatas, despois dixo que tiña outras dúas amigas, pero que non se abstivo en relación a elas, senón a unha que estaba predestinada a ese posto”.
Mesmo chegou, rematou, a “votar balóns fora” acusando ao adxunto á Valedora proposto polo PSdeG cando, preguntou, “quen vai crer que foi el quen dirixiu todo o proceso para que fora elixida a irmá do portavoz do PP”.