O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, explicou hoxe que os socialistas centrarán a sesión de control ao presidente do próximo Pleno do Parlamento na transferencia da AP-9 a Galicia e da rebaixa das peaxes. Así o explicou logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do Pleno no que se celebrará o debate final da Lei de Saúde que chega con serias dúbidas sobre a súa constitucionalidade.
Arangüena sinalou que o portavoz socialista, Gonzalo Caballero, será o encargado de interpelar a Feijóo logo de que o actual goberno incluíra 63 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado para bonificar as peaxes e de que o Congreso admitira a trámite o debate da transferencia da infraestrutura a Galicia.
Comparou esta decisión “histórica e sen precedentes” co veto por parte de Rajoy á transferencia ata en dúas ocasións e o voto en contra de PP e BNG aos Orzamentos que incorporan estas bonificacións e que serán aplicadas “o antes posible”, tal como se comprometeu o ministro Ábalos co líder dos socialistas galegos a semana pasada.
Explicou que a situación actual deriva precisamente dun goberno do PP, con Aznar á cabeza, o que prorrogou a concesión da autoestrada ata 2048, obrigando polo tanto aos galegos e galegas a asumir ata entón o pago das peaxes, sen ter réplica de Feijóo, que daquela era conselleiro de Política Territorial do goberno galego.
O Pleno da próxima semana incorporará ademais unha proposición non de Lei do Grupo Socialista sobre “a valoración da Xunta de Galicia en relación coas bonificacións de peaxes e a transferencia da AP-9”.
O Grupo Socialista presentará ademais unha interpelación para pedirlle ao goberno galego que presente iniciativas para paliar os efectos da pandemia na redución da igualdade entre homes e mulleres. Neste sentido, presentarán unha proposición non de Lei para reclamar un plan de choque “destinado a rebaixar a fenda salarial existente entre as mulleres e os homes de Galicia”.
Tamén presentarán unha moción para reclamarlle ao goberno galego un plan de contratación extraordinaria para a atención de casos covid na sanidade galega, coñecer as UCI reais dispoñibles en cada momento, ou da situación dos rastrexadores que traballan en Galicia. Esta iniciativa foi presentada logo de constatar as graves consecuencias para a sanidade galega do pico da pandemia derivado da “obsesión” de Feijóo por “salvar o Nadal”.
Os socialistas galegos presentarán unha moción para reclamarlle ao goberno galego que incremente o financiamento para os concellos galegos, que teñen as aportacións da Xunta “estancadas” independentemente de que o Executivo autonómico teña incrementado os Orzamentos un 14 por cento este ano grazas ás aportacións do Estado e da UE.
O próximo Pleno do Parlamento incluirá unha pregunta oral sobre o nomeamento do director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural adecuando o proceso ao perfil dun candidato, que ademais é un exdeputado e cargo do PP. Acusou ao goberno galego de “vulnerar a legalidade para favorecer a unha persoa concreta”, no que supón un caso de “posible prevaricación que debera ser investigada pola Fiscalía”.
Lei de Saúde
O viceportavoz do Grupo Socialista alertou hoxe fronte á reforma da Lei de Saúde que o PP quere aprobar no próximo Pleno do Parlamento e que “pisa un terreo enormemente esvaradío”, por canto “pode supor problemas de legalidade ordinaria e incluso de constitucionalidade”. Dixo que “non entendemos que se trate de retorcer as posibilidades do noso ordenamento xurídico ata niveis que exceden da legalidade”.
Esta reforma, dixo, “fala de temas moi serios, está tratando de posibles restricións de dereitos fundamentais sobre os que a Comunidade Autónoma non é competente” simplemente polo “interese do presidente da Xunta de apuntarse un tanto, non sabemos moi ben para que”.