A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, afeoulle hoxe ao goberno galego que teña situado a súa previsión de redución das emisións de CO2 en apenas un 24,6 por cento. No debate dunha interpelación no Pleno do Parlamento, criticou que se teñan situado na metade do que aprobou o pasado xoves o Parlamento europeo, que pasou dun 44 a un 55 por cento.
Vilán instou ao goberno galego a asumir o acordo aprobado no Parlamento Europeo, no que o grupo dos Populares votou dividido. Os “populares” españois apoiaron elevar o obxectivo de redución de emisións de CO2 do 40 ao 55 por cento en 2030 e conter o aumento da temperatura media do planeta por debaixo dos 1,5 graos, logo de que a Comisión Europea constatara que os plans para cumprir co Acordo de París contra o cambio climático son insuficientes.
Vilán criticou o “desleixo” do goberno galego neste aspecto cando Galicia é unha das comunidades autónomas que máis gases de efecto invernadoiro emitiu á atmosfera entre 1990 e 2018, aínda que estea entre as que máis as reduciu debido ao peche de Meirama hai 2 anos.
Sinalou que mentres a Xunta proclama a “neutralidade climática” o conselleiro de Industria lamenta que a central térmica de Endesa en As Pontes acelere a eliminación do carbón do seu proceso de xeración. Mentres, dixo, o Executivo autonómico é “incapaz de propoñer e moito menos de levar adiante” un Plan de Transición ás enerxías limpas que faga a descarbonización compatible co mantemento dos postos de traballo.
Medidas
Vilán instou á Xunta a comezar coa reforma da fiscalidade para “incentivar cambios nos comportamentos e aplicar de forma real o principio de “quen contamina paga”, dotando ademais de orzamento á transición ecolóxica. Os socialistas galegos urxiron a “mudar o modelo enerxético galego” para adoptar un sistema “renovable e eficiente” e que garanta o acceso “universal e xusto á enerxía limpa” para persoas en situación de pobreza enerxética.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que se incorporen a un Plan de Edificios Verdes de infraestruturas non contaminantes cos obxectivos que marca a UYE, ou a diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro nun 40 por cento. Tamén reclamou unha cota mínima do 32 por cento de renovables no consumo final de enerxía e mellorar a eficiencia enerxética nun 32 por cento.
A responsable socialista reclamoulle hoxe á Xunta que incorpore aos sectores clave na transición ecolóxica da economía para entrar na senda do obxectivo de emisións cero no ano 2050. Vilán presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento para reivindicar o incremento das restricións das emisións de CO2 na liña do acordo do Parlamento europeo.