A oferta de 500.000 euros do PP -fronte aos dous millóns que pedían os socialistas- foi anunciada esta tarde na Comisión de Orzamentos e require do visto bo dos servizos xurídicos xa que a Xunta pretende detraer eses cartos doutra partida
O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, e a deputada Lara Méndez anunciaron en novembro diante do Cuartel de San Fernando a presentación dunha emenda aos orzamentos de 2025 da Xunta para garantir unha partida específica destinada á creación do Museo da Romanización de Lugo
A alcaldesa Paula Alvarellos valorou “este primeiro paso” do Executivo galego aínda que espera a financiación comprometida de dous millóns de euros porque o custe do Museo superará “os doce millóns de euros”
Tras anos de abandono por parte do Partido Popular, a Xunta de Galicia anunciou esta tarde na Comisión de Orzamentos do Parlamento Galego a inclusión dunha partida inicial de 500.000 euros para o proxecto do Museo da Romanización de Lugo. Este anuncio, froito dunha emenda presentada polo Grupo Socialista que pedía inicialmente dous millóns de euros e que foi transaccionada por medio millón, aínda ten que obter o visto bo dos servizos xurídicos dado que os cartos sairán doutra partida o que denota a improvisación dos populares nesta iniciativa.
Esta é a primeira vez que o Concello de Lugo pode contar cunha dotación orzamentaria da Xunta para este proxecto, pese ás reiteradas promesas que non chegaron a cumprirse. O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que este compromiso, aínda que insuficiente, representa un primeiro paso para reparar a marxinación histórica que Lugo sufriu en materia de investimento cultural por parte do Partido Popular.
“Levamos anos denunciando o desleixo do PP co patrimonio romano de Lugo e esixindo que deixen de dar as costas á nosa cidade”. Celebramos que, por fin, recoñeceran a inxustiza que estaban cometendo cos lucenses”, sinalou pola súa banda a deputada Lara Méndez.
Os socialistas advirten, non obstante, que este medio millón de euros é só un punto de partida. “Seguiremos vixiantes para que esta achega inicial non sexa un simple parche e se converta no comezo dun compromiso serio e sostido por parte da Xunta. Lugo merece máis, e imos seguir traballando para que o proxecto conte co financiamento necesario para a súa completa realización”, concluíu Besteiro.
A alcaldesa destaca o traballo conxunto de Concello e Grupo Parlamentario
A alcaldesa da localidade, Paula Albarellos, salientou o traballo conxunto do Concello, o Grupo Parlamentario do PSdeG e a Plataforma Muro, que levaron esta demanda de toda a cidade ata o debate de Orzamentos para o próximo ano. Subliñou que se trata dun “primeiro paso que agardamos que teña continuidade no tempo xa que o custe do Museo pasará dos doce millóns de euros tal e como se anunciou no seu momento. O importante para nós e que poidamos ver finalmente ese Museo da Romanización tan demandado por tódolos lugueses e luguesas”
José Ramón Gómez Besteiro e a deputada Lara Méndez anunciaron o pasado mes de novembro xunto a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e unha representación de veciñas e veciños a presentación dunha emenda aos Orzamentos da Xunta para a inclusión dunha partida específica para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando. Hoxe, o Museo, sinalaron os socialistas, “está máis preto de ser unha realidade”.