A viceportavoz do Grupo socialista salienta o papel da emigración galega no desenvolvemento cultural, social e económico do lugar de acollida e sinala o papel positivo da inmigración
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, recibirá esta tarde o primeiro Premio Mulleres da Galeguidade na celebración do San Froilán que ten lugar esta fin de semana no Nou Barris de Barcelona, organizado polas asociacións Amigos de San Froilán e Xuntanza de Catalunya. A responsable socialista, que foi onte Pregoeira de Honra desta conmemoración, reivindicou o papel positivo da emigración para o lugar de acollida.
Méndez, filla de emigrantes nacida en Suíza, salientou a aportación da emigración galega para o desenvolvemento cultural, social e económico dos lugares de acollida, neste caso Barcelona, que “recibiu cos brazos abertos aos galegos e galegas”.
Sinalou que “en moitos casos foron os representantes máis decididos e emprendedores de toda unha xeración, que contribuíron no seu día ao desenvolvemento dos territorios e continuaron apoiando á economía galega coas súas achegas económicas ás familias que quedaron na casa”.
Reivindicou así o papel da emigración lembrando a historia de Galicia como pobo emigrante que “lonxe de polarizar e denostar ao inmigrante, hoxe necesita da aportación dos que veñen de fora para reverter a crise demográfica e da súa aportación ao mercado laboral”.
Lara Méndez aludiu á súa experiencia en primeira persoa como filla e bisneta de emigrantes, logo de agradecer o recoñecemento destas asociacións para escollela como pregoeira e para entregarlle a primeira edición do Premio Mulleres da Galeguidade. Lembrou a relación coas asociacións durante os últimos 18 anos e salientou o seu traballo para manter a cultura e a tradición galegas en Barcelona precisamente das que o San Froilán é hoxe a máxima expresión.