A capacidade lexislativa de Galicia ten diminuído a mínimos históricos, ata o punto de ser a Comunidade Autónoma que menos leis aprobou en 2018 xunto con Cataluña. O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, resumiu así a “pantomima normativa” de Feijóo no debate dunha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta unha “mellor planificación normativa” que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista advertiu que o “suposto goberno estable, con maioría absoluta, previsor e previsible de Feijóo tense demostrado como un goberno absolutamente improvisado”, logo de ter situado a súa capacidade normativa ao mesmo nivel do bloqueado parlamento catalán. Díaz Villoslada sinalou que “non se trata dunha cuestión cuantitativa”, senón de “darlle cumprimento aos compromisos de planificación normativa presentados polo goberno e defendidos polo PP”.
A planificación normativa de 2018 incluía 12 leis, das que non foi aprobada máis que a Lei de Saúde, que fora presentada o ano anterior, e a Lei de Acompañamento aos Orzamentos que, esa si, modificou 29 leis “pola porta de atrás” e sen debate, mesmo algunhas delas que non estaban incluídas no texto orixinal e foron incorporadas polas emendas do PP. A situación incluso agrava a de 2017, cando foron presentadas menos da metade das 11 que tiñan anunciadas.
De acordo coa planificación do goberno galego, durante o pasado ano deberan ter sido aprobadas as leis de Administración Dixital, Xogos e Apostas, Patrimonio, Garantía de Abastecemento e Calidade da Auga, Patrimonio Natural, Rehabilitación, Rexeneración e Rehabilitación Urbana, Aproveitamento Lúdico das Augas, Emprego, Ordenación da Prestación Farmacéutica, Impulso Demográfico ou o texto refundido da Lei de Cooperativas.
Ademais, nas diferentes intervencións do goberno ao longo do ano tamén estimaron oportuno comprometerse a presentar unha Lei de Residuos, ou a modificar a Lei de Ordenación do Territorio, e no debate do Estado da Autonomía o propio Feijóo anunciou a Lei de Consumo de Menores, a Lei do Solo, de Rehabilitación e o resto de textos previstos na planificación normativa.
O Parlamento si que tivo sen embargo iniciativa lexislativa, se ben por iniciativa da oposición, coas 6 proposicións de Lei presentadas polo Grupo Socialista e as outras 13 presentadas por En Marea e BNG, co que considerou “incrible que un goberno tan previsible e sólido non sexa capaz máis que de presentar a Lei de Orzamentos”.
Lexislatura
Esta actividade lexislativa “frenética” do goberno galego está tirando por terra o balance lexislativo de toda a Lexislatura, que vai camiño de converterse na menos frutífera de toda a historia de Galicia. No comezo do terceiro ano de Lexislatura, Feijóo leva aprobado 13 leis dende 2016, moi por debaixo da media de 50 leis por período nas anteriores 9 lexislaturas da Cámara autonómica.
Sinalou así a “desidia e incapacidade de planificación normativa por parte do goberno galego” que por non ser, non foi capaz de presentar e aprobar máis que unha das 20 iniciativas lexislativas que Feijóo incluíu no seu programa electoral, a de Protección dos Animais de Compañía de Galicia.