Carlos López Font sinala que o goberno galego non chega á metade dos demandantes de vivenda na cidade e “rectifican con anuncios inconcretos e insuficientes”
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Carlos López Font, sinalou hoxe que a oferta de vivenda pública para Vigo resulta “discriminatoria e decepcionante” e non chega á metade dos que figuran no Rexistro de Demandantes do goberno galego. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de Galicia para esixirlle que rectifiquen a “marxinación” á cidade.
López Font explicou que os Proxectos de Interese Autonómico para as primeiras 15.110 vivendas previstas na Estratexia Galega de Suelo residencial que presentou o Instituto Galego de Vivenda e Solo o pasado 29 de novembro tan só prevía 2.300 para Vigo no horizonte de 2028, cando a cidade ten rexistrados 5.690 demandantes de vivenda protexida.
Criticou que o goberno galego siga a “castigar” á cidade logo de 15 anos de desleixo en materia de vivenda pública, cando as vivendas previstas para o resto das grandes cidades superan o número de demandantes.
Advertiu que diante desta evidencia a conselleira viuse obrigada a responder cun anuncio “inconcreto e insuficiente” con outras 5.000 vivendas “en catro ámbitos que non quixo desvelar” e sen comprometer datas, evidenciando que o goberno está a poñer “a venda diante da ferida” porque “crea expectativas que logo noncumpren”.