O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, cualificou hoxe de “oportunidade perdida” a Lei de Ordenación Farmacéutica, que os socialistas apoiaron por resultar “minimamente aceptable” ao incorporar as emendas deste grupo para “acotar” a dispensación a domicilio. O Grupo Socialista presentou 70 emendas, das que foron aceptadas 23 e transaccionadas 6, malia o que a norma resulta “demasiado cativa”.
Torrado lamentou unha Lei que resulta “insuficiente” e se centra nun enfoque “máis empresarial e fiscal que sanitario”, pero que grazas ás aportacións do Grupo Socialista “incorpora o punto de vista dos usuarios”. Ademais, dixo, a Lei adoece dunha maior atención ao mapa farmacéutico, xa que “regula sobre o exceso de farmacias pero non sobre o seu déficit”, e renuncia a restrinxir a obxección de conciencia dos farmacéuticos.
O responsable socialista explicou que o apoio deste grupo ao texto deriva fundamentalmente de que fora aceptada a emenda que regula a “mal chamada dispensación a domicilio” para “garantir a calidade do servizo dende o punto de vista do usuario” e evitar “amazonizar” á farmacia. Explicou que a aportación socialista busca priorizar a calidade e “evitar a competencia por realizar maiores entregas, repartidores máis rápidos e os prezos máis competitivos”.
Ademais, sinalou, restrinxe a zonificación da dispensación a domicilio para paliar a desigualdade e evitar que as grandes farmacéuticas invadan ás pequenas, e garantir en definitiva “tódalas posibilidades para unha maior proximidade e un servizo de atención farmacéutica”.
Os socialistas galegos incorporaron ademais unha serie de iniciativas parlamentarias para incorporar a perspectiva dos usuarios, garantindo os seus dereitos, así como abrir a posibilidade de incrementar os servizos prestados nestes establecementos. Reclamou “garantir a igualdade competitiva entre oficinas de farmacia, garantindo o maior acceso posible ao usuario”, así como a “garantía competitiva nun sistema semiliberalizado”.
Torrado sinalou o talante dialogante amosado polos grupos parlamentarios durante a tramitación parlamentaria desta norma diante da “crítica construtiva” dos socialistas, que pasou a unha “construción crítica” ao aceptar incluír emendas relevantes para o texto.