A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Teresa Porritt, acusou hoxe ao goberno galego de empregar a Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para modificar 30 leis diferentes sen debate e sen incluír os informes preceptivos. Así o dixo no debate da coñecida como Lei de Acompañamento aos Orzamentos, que foi aprobada no Pleno do Parlamento co voto en contra dos socialistas galegos.
Ademais, acusou ao PP de empregar o trámite para modificar outras 3 leis que nin sequera estaban incluídas na Lei de Acompañamento, como son a Lei de Protección Ambiental de Galicia, a Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria, e a Lei de Augas de Galicia. Advertiu que este mecanismo impide o debate do resto dos grupos cun procedemento irregular que foi denunciado polo Grupo Socialista diante do Tribunal Constitucional no ano pasado.
A responsable socialista acusou á Xunta de empregar esta fórmula que “limita o debate político, social e parlamentario”, e ademais resulta “innecesaria dada a súa maioría absoluta”. Censurou que esta intensidade á hora de emendar leis previas contrasta coa “incapacidade lexislativa” do goberno galego, que modificou no que vai de lexislatura 59 leis, 27 delas en repetidas ocasións, mentres só foron quen de aprobar 18 normas, incluídas as leis de Acompañamento.
Explicou que o Grupo Socialista presentou un total de 119 emendas a este texto, das que foi aprobada unha delas, outras 3 transaccionadas e 2 subsumidas con outras tantas emendas do Grupo Popular.
Teresa Porritt reivindicou unha “imprescindible reforma fiscal en profundidade” fronte ao modelo defendido polo PP no que “non existe xustiza nin igualdade social”, no que as sociedades cuns beneficios de máis de 25 millóns de euros tributan menos do 1 por cento mentres hai máis de un millón de galegos e galegas en risco de exclusión.
Sinalou algunhas das emendas do grupo socialista dirixidas a acadar unha maior progresividade fiscal –que pague máis quen máis recursos ten- na busca dunha redistribución da riqueza máis eficaz, así como impedir o transvase de fondos de aforro ao Patrimonio ou ligar os beneficios fiscais á base impoñible, tendo en conta toda a situación familiar.
Tamén apuntou á ampliación das deducións autonómicas por alugueiro para beneficiar ás persoas en desemprego que teñan que mudarse de Concello, así como os contribuíntes cunha discapacidade igual ou superior ao 35 por cento. Tamén reclamou aplicarlle un gravame reducido do imposto de Transmisións Patrimoniais ás mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan que mudarse de casa.