A portavoz de xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, defendeu o dereito ao “bo morrer” daqueles cidadáns que se atopan cun “pronóstico irreversible de morte” e que reclaman a despenalización da eutanasia. Así o dixo nunha interpelación ao goberno da Xunta ao que lle reclamou o respecto a decisión daqueles doentes que desen unha morte digna e pediu a inclusión da eutanasia na carteira de servizos do Sergas.
A deputada socialista reivindicou a necesidade dunha lexislación que ampare a todos os doentes que libremente decidan poñen fin ao seu sufrimento e deterioro da súa integridade persoal. Vilán falou “dun chanzo máis no camiño” en referencia a proposición de lei Órganica de Regulación da Eutanasia presentada polo Grupo Socialista e publicada no boletín do Congreso dos Deputados o día 24 de xaneiro deste mesmo ano 2020.
Vilán defendeu a opción dunha morte digna como parte fundamental da dignidade humana a cal está amparada pola Constitución do 78 e a propia dignidade “constitúe o núcleo da Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948, e o piar básico da Declaración sobre Bioética e Dereitos Humanos da UNESCO, aprobada por aclamación popular no ano 2005”.
A responsable socialista sinalou a existencia dunha “sensibilización social” no relativo á eutanasia e destacou o crecente apoio social a esta proposta que ten como finalidade asegurar o dereito a unha boa morte, significado literal da palabra grega “eutanasia”.
Apoio significativo
Patricia Vilán destacou os datos ofrecidos polo CIS que, no ano 2011, amosaba un apoio do 78% por parte da poboación en favor de despenalizar esta práctica; mentres que nos datos ofrecidos por Metroscopia no ano 2019 este apoio ascende a un 87% da poboación amosando un claro aumento da sensibilización cidadá sobre este tema.