O Comité Nacional Galego fixará na súa reunión deste sábado as datas definitivas dun proceso cuxos prazos se prevé que boten a andar despois do Nadal
A Comisión Executiva do PSdeG vén de suxerir a fin de semana do 8 e 9 de marzo de 2025 para a celebración do 15.º Congreso Nacional do partido. Esa proposta, acordada na xuntanza desta tarde, trasladarase á reunión que o sábado 21 de decembro ten programada o Comité Nacional Galego, órgano responsable de fixar o calendario do proceso congresual.
Segundo explicou o portavoz da Executiva, Julio Torrado, o CNG decidirá tamén sobre o lugar do Congreso. Na proposta figura a Cidade da Cultura. Sobre os prazos, avanzou que o calendario botaría a andar “á volta do Nadal”, con tempo suficiente para que o proceso se desenvolva de xeito “amplo, aberto, transparente, libre e sen apuros innecesarios”.
“Será o Congreso da igualdade, concibida no seu marco máis amplo”, asegurou Torrado sobre a elección da data do 8 de marzo para a proposta. “É o momento de falar dos problemas da desigualdade, tanto no acceso aos dereitos coma nas oportunidades”, afondou, e sinalou, en especial, “o debate da igualdade entre homes e mulleres”.
O voceiro da Executiva lembrou que se trata dunha data simbólica, polo que o PSdeG apostou por reclamala pasa o seu proceso orgánico, aproveitando as “boas sensacións” que deixou no partido o Congreso Federal de Sevilla, do que destacou o “impacto” da posición “sempre coherente e sensata” do PSdeG.
Julio Torrado avanzou que o 15.º Congreso dos socialistas de Galicia tamén servirá para “falar moito” sobre “as preocupacións dos galegos e das galegas ás que o Goberno da Xunta non está a ofrecer solucións”, como o acceso á vivenda, o funcionamento da sanidade ou os déficits na educación.
Convocatoria
O Comité Nacional Galego (CNG) reunirase este sábado, 21 de decembro, no hotel Oca Puerta del Camino, en Santiago de Compostela. Será a partir das 10.00 horas.
Tras a intervención do secretario xeral, o CNG acordará a convocatoria do 15.º Congreso Nacional Galego xunto coas bases que o rexerán, así como o calendario do proceso e o nomeamento da comisión redactora do relatorio marco
Composición
O CNG é o máximo órgano de dirección do PSdeG entre congresos. Forman parte del, como membros natos, a Executiva, os representantes do PSdeG no Comité Federal, os membros da Comisión Nacional de Ética e da Comisión de Control Económico, os parlamentarios galegos e galegas tanto na Cámara autonómica coma no Congreso, no Senado e no Europarlamento, os presidentes ou portavoces socialistas nas catro deputacións provinciais, o presidente da Fegamp, os coordinadores de cada grupo sectorial constituído a nivel nacional, os representantes dos colectivos asociados ao PSdeG, os ex secretarios xerais e presidentes autonómicos, unha representación de Izquierda Socialista en Galicia e outra de Xuventudes Socialistas.
Entre os membros elixidos, 45 sono polo Congreso Nacional, mentres que as asembleas municipais e, no seu caso, intermunicipais, deciden delegados e delegadas en función do número de militantes e tendo en conta o censo e o baremo fixado pola Executiva.