A coruñesa Pilar López Riobóo, quen fora subdelegada do goberno na Coruña ata a súa xubilación, incorporarase á dirección do partido en Galicia como secretaria da Militancia a proposta do secretario xeral, Gonzalo Caballero.
Pilar López Riobóo foi funcionaria de longa traxectoria na administración, chegou a ocupar a dirección xeral do Instituto Social da Marina entre 2006 e 2010, foi tamén secretaria provincial da Seguridade Social e directora provincial do INEM.
Militante socialista dende hai máis de 30 anos, chegou a ser secretaria xeral do PSdeG en Sada e actualmente é membro da dirección local do partido na Coruña.
Coa súa incorporación á executiva do PSdeG como secretaria da Militancia, Pilar López Riobóo colaborará na tarefa de reactivar a vida orgánica do partido e de impulsar o papel e a participación da militancia de base.
Ante a proposta de Gonzalo Caballero, Pilar López Riobóo manifestou “o meu agradecemento e orgullo por traballar a carón do secretario xeral de todos os socialistas de Galicia” e trasladou o seu “compromiso de seguir impulsando un proxecto no que a militancia ten un papel protagonista”.