Hoxe rematou o proceso interno de eleccións primarias para escoller aos dirixentes das dúas provincias de acordo coa voz e o sentir da militancia
A Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG quere felicitar a José Tomé e Álvaro Vila, novos secretarios provinciais de Lugo e Ourense, escollidos hoxe ao rematar o proceso de eleccións primarias. O proceso que remata hoxe supón a última cita antes dos congresos provinciais que se celebrarán escalonadamente ao longo do mes de maio en Pontevedra, o día 3, seguido de Lugo, o día 10, A Coruña o 11 e, finalmente, o 18 de maio en Ourense.
A dirección socialista salienta o exemplo de democracia interna ofrecido polos aspirantes de Lugo, onde se presentaron Tomé e Iván Castro e Ourense, onde concorreron Vila e Patricia Domínguez, durante o proceso de eleccións primarias. Este mecanismo consolídase como a máxima representación dos principios socialistas e humanistas, como son a soberanía popular e o sufraxio universal, neste caso para escoller aos líderes provinciais.
Este é un partido que aposta sen reservas pola democracia como fórmula óptima para representar o sentir da sociedade, que garante uns liderados solventes, competentes e fortalecidos polos votos de todos e cada un dos militantes, que deron unha lección maxistral de madurez institucional. A participación nos procesos internos consolida o proxecto e reforza a estrutura do partido como ferramenta para transformar a sociedade e dar resposta aos problemas e as ilusións da cidadanía.
Os candidatos e a militancia teñen ofrecido neste proceso un exemplo de respecto polos valores socialistas e unha lección de responsabilidade e de autonomía decidindo percorrer xuntos o camiño da transparencia e da participación na busca dun obxectivo compartido.