A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de presentar no Parlamento unha serie de iniciativas parlamentarias nas que denuncia a “desidia” da Consellería de Sanidade fronte ás eivas na atención sanitaria no Concello de Vilaboa por baixas ou vacacións. Gallego reivindica a plena asistencia sanitaria nun Concello que en plena pandemia ten a metade dos médicos e está sen pediatra.
O Centro de Saúde conta con 4 prazas de médicos xerais e 1 pediatra, ademais de unha matrona, dous administrativos e 3 enfermeiros, pero actualmente só está cuberta a metade da plantilla, o que “deriva nunha saturación profunda dos profesionais que, sen axuda de Sanidade, ven como deben asumir o volume das consultas vacantes”.
Gallego alerta de que “este problema está causando malestar entre a veciñanza que demanda unha solución ao problema”, mentres o Sergas “dille de palabra ao alcalde que os pais e nais leven aos menores a Soutomaior, Sanidade explícalles que os atenderán aínda que non sexa unha urxencia para paliar a carencia”. Apunta que “esa non é a solución que queren os habitantes desta vila, porque no inicio do curso escolar hai unha maior demanda”.
A responsable socialista esíxelle á Xunta que cubra as prazas vacantes, sinaladamente a do pediatra, para darlle aos veciños e veciñas a atención que merecen, cun “desencanto que parece terse consolidado por canto a política do novo conselleiro é unha política continuísta do anterior equipo”. Denunciou que “evite afrontar os problemas de precariedade e déficit de recursos humanos”.