O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, apuntou hoxe á “parálise evidente” dos orzamentos da Consellería de Sanidade para o próximo ano que cualificou de “insípidos”. Esta foi a súa conclusión da comparecencia do conselleiro en Comisión para presentar as contas de Sanidade para o próximo ano, na que evidenciou que os orzamentos suben un 0,03 por cento nun contexto de suba xeneralizada de tódalas consellerías.
Torrado advertiu de que “pararse e quedar estancados significa que retrocedemos” e que este departamento “perde peso relativo con respecto dos Orzamentos da Xunta”, que sae “peor parada en termos de modificación orzamentaria”. Por este motivo, dixo, baixa o orzamento nos capítulos de Atención Primaria “coa que está caendo” e en saúde pública, o que unido á conxelación das contas para o próximo ano “supón que temos un problema”.
O responsable socialista advertiu ademais do descenso do investimento real en materia de persoal, co que “baixamos a aportación real ao persoal e 430 sanitarios vanse á rúa, iso si, mentres suben os salarios destinados aos sacerdotes” no Sergas. Sinalou que “non están creando prazas novas, o que fan é consolidar postos mentres prescinden de outras prazas”, e reclamoulles que supriman en realidade a taxa de reposición.
Lei de Saúde
Julio Torrado criticou que a Consellería decidira finalmente modificar a Lei de Saúde, tal e como lle reclamaba o Tribunal Constitucional, “por detrás e ás agachadas” a través da Lei de Acompañamento e sen tempo para debatela. Reclamoulles demostrar “máis enteireza e levala ao Pleno do Parlamento” nun debate específico, en lugar de utilizar esta vía para evitar recoñecer que “cambiaron a Lei porque non podían facer outra, e nós llelo advertimos”.
Criticou que empregaran o mesmo sistema para a creación das novas categorías en Atención Primaria, pero cunha modificación “imposta sen capacidade de negociala nin falala” que “igual estaba ben dialogala con alguén”. Torrado replicoulle ao conselleiro que lles presentaran a medida aos sindicatos o día antes de enviar os Orzamentos ao Parlamento, escollendo así “facelo por detrás e ás agachadas”.