A portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de denunciar a falla de diálogo amosada pola Consellería de Política Social coas traballadoras e traballadores do Consorcio Galego da Igualdade e o Benestar para tratar a mellora das súas condicións laborais. Así o dixo logo dun encontro con Asociatem, que agrupa a traballadores do Consorcio, no que tamén interveu a portavoz de Política Social, Marina Ortega.
Lembrou que o Consorcio agrupa á Rede Galega de Escolas Infantís, a rede de centros de atención a maiores e Dependencia, o programa de comida a domicilio Xantar na Casa, os Centros Quérote e as actuacións na Estratexia de Inclusión Social de Galicia. Urxiu á Consellería a escoitar a estas traballadoras e “acadar un acordo de consenso en relación coa situación laboral duns profesionais que están a xogar un papel fundamental neste momento da pandemia”.
Castro explicou que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar conta cun total de 1.600 postos de traballo, dos cales 1.300 son temporais, cunha taxa de temporalidade do 91 por cento. A responsable socialista desmentiu que a Xunta vaia incrementar o número de traballadores xa que, en contra do que afirmou a conselleira no Parlamento, “van convocar prazas para consolidar postos que xa existen”.