Patricia Iglesias critica a “opacidade e falta de transparencia” na política de axudas para esquivar a igualdade de trato e o reparto de recursos con criterios obxectivos
A portavoz de Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe á Consellería de Economía e Industria de “incumprir a Lei de forma deliberada” ao deixar sen aprobar o Plan Estratéxico de Subvencións -PES-. Iglesias acusou ao PP de actuar como cómplice necesario rexeitando a proposta que presentou na Comisión Institucional do Parlamento para lembrarlle a obriga de aprobar o PES fixada pola Lei Xeral de Subvencións.
Iglesias criticou a “opacidade e transparencia” que presiden o reparto de fondos do goberno galego, que abusa da concesión directa de subvencións a través de convenios de colaboración, que se reproducen “como cogomelos” nos concellos gobernados polo PP. Criticou que o goberno galego incumpra cos principios de igualdade de trato e reparto de recursos con criterios obxectivos, esquecendo deliberadamente a eficiencia orzamentaria e a planificación estratéxica.
Puxo como exemplo neste caso o Plan Director da Automoción, anunciado ata en 3 ocasións pola conselleira de Economía e Industria no Consello da Xunta. Sen embargo, ao ter sen aprobar o PES, a día de hoxe “non coñecemos as fontes de financiamento, a porcentaxe de fondos propios da Xunta á súa disposición nin a porcentaxe de fondos propios, transferencias do Estado e fondos europeos.”
Explicou que a planificación estratéxica de subvencións constitúe un instrumento esencial para a planificación das políticas públicas, e advertiu que tódalas consellerías están obrigadas por Lei a aprobar os seus plans estratéxicos antes de aprobar as bases das subvencións.