Elena Espinosa explica que os socialistas centrarán o Pleno da próxima semana na situación do mercado laboral galego e a situación crítica da sanidade pública
A viceportavoz primeira do Grupo Socialista, Elena Espinosa, anunciou que o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, reclamaralle ao presidente da Xunta no próximo Pleno do Parlamento que asuma responsabilidades polo fracaso “sen paliativos” das políticas de emprego do goberno galego. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces do Parlamento que fixou a orde do día do Pleno da próxima semana, que os socialistas galegos centrarán no emprego e a situación da sanidade pública.
A viceportavoz primeira do Grupo Socialista sinalou que a situación do emprego en Galicia é “moitísimo peor” que no resto do Estado logo de 16 anos de gobernos do PP, mentres o goberno galego emprego os datos para “pretender enganar á cidadanía”. Advertiu que a taxa de paro baixou en Galicia pola perda de poboación activa, e non pola creación de emprego, cando no conxunto do Estado medraron tanto os postos de traballo como o número de traballadores.
A realidade, dixo, é que en Galicia “hai menos empregos e menos xente traballando” cada ano que pasa. Tamén presentarán unha pregunta oral para que o conselleiro de Traballo dea conta das medidas que teñen pensado tomar logo da situación de Sargadelos e a decisión do propietario de pechar unilateralmente a factoría durante 4 días e agora de despedir a 3 traballadores no que “semella máis unha represalia que unha decisión en base a criterios obxectivos”.
Espinosa explicou que o Grupo Socialista presentará unha Interpelación para reclamarlle ao conselleiro de Emprego que convoque o Consello Autonómico e os consellos provinciais de emprego, que teñen que reunirse cada 6 e 3 meses, respectivamente. Advertiu que no que vai de Lexislatura a Consellería non convocou ningunha xuntanza de ningún dos dous órganos representativos.
Finalmente, os socialistas galegos presentarán unha proposición non de Lei para pedirlle ao goberno galego que tome medidas para garantir a plena igualdade das persoas LGTBI+ diante do mercado laboral.
Sanidade
A viceportavoz do Grupo Socialista presentou as iniciativas en materia de sanidade que presentarán os socialistas galegos no Pleno da próxima semana, que inclúen unha moción para reclamarlle ao goberno galego que poña en marcha un Plan de choque para rebaixar as listas de espera na sanidade galega, sinaladamente en cirurxía, consultas especializadas e probas diagnósticas. Tamén incluirán dúas preguntas orais polo retraso das obras no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e sobre a necesidade dun aparcamento no Hospital de Montecelo, en Pontevedra.
O Pleno do Parlamento de Galicia que se celebrará na próxima semana incluirá tamén unha proposición non de Lei para que o PP teña que pronunciarse co seu voto sobre o apoio ao uso do galego no Parlamento Europeo.
Espinosa iniciou a súa intervención aludindo á intervención do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro salientando a “proba da capacidade de resposta” das administracións e dos servizos públicos durante o apagón enerxético de onte, así como da “colaboración exemplar” da cidadanía e dos milleiros de profesionais, incluíndo aos servizos de emerxencias e os profesionais dos medios de comunicación.