O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, encabezará a delegación socialista na manifestación convocada por UGT e CC.OO. en Vigo
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento galego destacou que a inacción do PP está a provocar graves problemas de emprego entre a mocidade e as mulleres
A secretaria de Organización do PSdeG e viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, valorou hoxe coma un fito histórico a redución da xornada laboral que vai aprobar o Consello de Ministros na súa reunión de mañá. “Este Primeiro de Maio celebramos que 650.000 galegas e galegos terán empregos máis dignos grazas ás 37,5 horas semanais”, aplaudiu nunha comparecencia durante a que avanzou que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, encabezará a delegación socialista na manifestación central do próximo xoves en Vigo, convocada polos sindicatos UGT e CC.OO.
“Os dereitos da clase traballadora sempre avanzan da man de presidentes socialistas”, asegurou Méndez, e sinalou que a medida que vai pór en marcha o Goberno reforzará “o camiño cara empregos máis dignos e unha sociedade máis xusta, especialmente en sectores coma a hostalería, o comercio ou o agrario, onde moitas persoas traballan máis de 40 horas”. “Cada avance laboral, desde a xornada de 8 horas, o salario mínimo ou as vacacións pagadas, foi froito dunha vontade política progresista e da loita social”, insistiu.
A deputada socialista apuntou que a redución da xornada contribúe tamén a mellorar a conciliación da vida laboral coa familiar e persoal, especialmente “nun país coma Galicia, onde moitas familias teñen cargas de coidados que non son recoñecidas nin apoiadas polo actual Goberno da Xunta”. Por outra banda, remarcou a “evidencia” de que nos países nos que xa se implantou a medida “a produtividade non diminúe, senón que mellora”, porque incrementa a motivación dos traballadores e traballadoras, “e iso implica economías máis fortes”.
Fronte aos avances, “temos un Partido Popular que leva 16 anos gobernando en Galicia, tempo no que o noso país perdeu 60.000 habitantes, mentres que España gañaba 2 millóns. O mercado laboral galego non avanza. Nos últimos 6 anos, a ocupación en Galicia só medrou un 6 %, fronte ao 12 % no conxunto do Estado. O relato do Partido Popular é falso”, explicou Lara Méndez, que advertiu de que a taxa de paro baixa en Galicia pola perda de poboación activa.
Trátase dunha “realidade” que o PP “tenta ocultar e non quere combater”, afirmou, para denunciar que quen sofre “en primeira persoa” o problema son especialmente, e de xeito “sangrante”, a xente nova e as mulleres. Entre outros datos, citou que o paro xuvenil subiu en Galicia nos últimos 12 meses un 2,64 %, mentres baixaba un 3,62 % no conxunto de España, “o que implica unha fenda de máis de seis puntos porcentuais” e condena á mocidade galega “á emigración ou á precariedade”. Mentres, a outra gran fenda, a que existe entre homes e mulleres, cífrase na diferenza de máis de dous puntos entre a proporción de parados e paradas. “Mentres o PP fala de recuperación, as mulleres seguimos soportando máis desemprego, precariedade e traballos mal remunerados”, remarcou.
“Todo isto acontece de xeito deliberado por parte do Partido Popular, porque a Xunta podería impulsar políticas activas de emprego, xa que ten a competencia para realizalas, pero opta por non facelo e mirar para o outro lado, por poñerse de perfil e deixar e aproveitar o tirón do crecemento e da creación de emprego de España para ir a rebufo. Se o Partido Popular aplicara as competencias que ten a Xunta, a situación e os datos posiblemente serían outros ben distintos”, criticou.