Patricia Iglesias advirte que “un só euro público motiva a rendición de contas da entidade”, que xa recibiu 15 millóns de euros da Xunta
A portavoz de Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe a Xunta e PP de ir “en contra” das recomendacións do Consello de Contas ao negarse a transparentar a actividade da Sociedade Recursos de Galicia -RdG-. Así o dixo logo de que rexeitaran a proposición non de Lei que presentou hoxe na Comisión de Economía para pedirlle ao goberno galego que lle fixera caso ao último informe do ente fiscalizador sobre RdG.
Advertiu que “un só euro público” motiva que a entidade renda contas e, polo momento, a Xunta xa ten entregado 15 millóns de euros de investimento público, e prevé duplicar a contía ata 2027. Sinalou que o informe de Contas e o voto en contra do PP evidencian que tanto RdeG como a Sociedade Impulsa son “sociedades fake, opacas e con claros indicios de control público que a Xunta se empeña en agochar para evitar render contas”.
Afeoulle ao goberno galego que pasara de negar que con esta Sociedade en realidade querían privatizar a xestión dos recursos naturais ás declaracións da conselleira de Industria, tratando de explicar que malia que recibiría 30 millóns de euros públicos se tratada dunha sociedade privada sobre a que non pode existir control público.
Criticou que ata o momento se teñen negado a amosar os acordos entre os socios da entidade que ten solicitado o Consello de Contas, polo que a día de hoxe non se sabe canto capital subscribiron as entidades privadas a maiores do investimento público. O que si é coñecido, puntualizou, é que “non se cumpriu ningunha das promesas do CEO de RdG”, que anunciaba unha comercializadora que abarataría a enerxía a finais de 2024.
Iglesias concluíu que a Sociedade Recursos de Galicia é “un híbrido sen control público que quere xogar no mercado enerxético e mesmo producir e comercializar enerxía, cando todos sabemos que nin vai ser pública, nin vai ser social, nin tampouco vai abaratar a luz a tódolos galegos e galegas”.