Lara Méndez lamentou que a Xunta estea desaparecida “ante un dos maiores problemas que sofren as galegas e os galegos: a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna”
A deputada socialista lembrou que o Goberno galego só executou o 9% dos programas de acceso á vivenda en 2022, chegando ao extremo de ter que devolver máis de 9 millóns de euros ao Estado por non utilizar os fondos dispoñibles
Fronte a actitude do PP, destacou o compromiso dos concellos socialistas, “que demostran que hai outra maneira de gobernar e de facer política” e destacou o caso de Vigo, que busca mobilizar 13.000 vivendas baleiras con axudas á rehabilitación, e A Coruña, que xa promove máis de 1.100 vivendas protexidas
A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, anunciou hoxe que a crise da vivenda será un dos eixos centrais que o Grupo Socialista levará ao Debate sobre o Estado da Autonomía. Méndez denunciou a inacción da Xunta malia ter as competencias exclusivas nesta materia e puxo en valor o exemplo de concellos gobernados polo PSdeG, como Vigo ou A Coruña, “que si están a actuar fronte á emerxencia habitacional”.
“Temos unha Xunta desaparecida ante un dos maiores problemas que sofren as galegas e os galegos: a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna”, afirmou a dirixente socialista, lembrando que o Goberno galego só executou o 9% dos programas de acceso á vivenda en 2022, chegando ao extremo de ter que devolver máis de 9 millóns de euros ao Estado por non utilizar os fondos dispoñibles e con outros 16,7 millóns en risco de ser devoltos.
Méndez puxo cifras á gravidade da situación: máis de 20.000 persoas rexistradas como demandantes de vivenda pública, máis de 1.400 familias desafiuzadas no último ano e un incremento do 51% no prezo do alugueiro desde 2015, que supera o 70% en cidades como A Coruña. “A vivenda é un dereito, non un luxo. E mentres as familias sofren, Rueda prefire a propaganda aos feitos”, sentenciou.
Fronte a isto, destacou o compromiso dos concellos socialistas, “que demostran que hai outra maneira de gobernar e de facer política”. A portavoz destacou o caso de Vigo, que busca mobilizar 13.000 vivendas baleiras con axudas á rehabilitación, e A Coruña, que xa promove máis de 1.100 vivendas protexidas e pediu á Xunta a declaración de zona tensionada. “E todo isto con fondos europeos ben xestionados e recursos propios, a pesar de que as competencias son da Xunta”, subliñou.
Tamén puxo en valor a pioneira regulación das vivendas turísticas impulsada polo anterior goberno socialista en Santiago de Compostela.
Propostas fronte a inacción do PP
Entre as propostas que o PSdeG defenderá no Debate figuran a creación dun Banco Público de Alugueiro para mobilizar as máis de 300.000 vivendas baleiras en Galicia, o reforzo do Bono Alugueiro Xuvenil, o impulso á rehabilitación de vivenda en zonas rurais e, sobre todo, a esixencia de que a Xunta execute o 100% dos fondos estatais e europeos.
“O futuro de Galicia non se constrúe con espectáculos pagados con cartos públicos, senón defendendo o que é de todos e todas”, concluíu Méndez. “Desde o PSdeG imos poñer no centro do debate político os servizos públicos que garantan igualdade, oportunidades e dignidade para todas as persoas”.