Paloma Castro advirte que están a entorpecer a entrada en vigor da lei ao rexeitar a constitución dun grupo de traballo para adaptar a Administración Xudicial galega
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou que a Xunta segue “a velas vir” para adaptar a Administración da Xustiza á nova Lei que entrou en vigor o pasado 3 de abril. Catro lamentou o voto en contra do PP a constituír un grupo de traballo liderado pola Dirección Xeral de Xustiza para adaptar á administración xudicial galega á nova Lei de Eficiencia da Xustiza.
Castro explicou que ao negarse están a entorpecer a entrada en vigor da Lei en Galicia que garante a reforma organizativa da Xustiza constituíndo tribunais de instancia ou a evolución dos xulgados de Paz ás modernas oficinas de xustiza dos concellos.
A norma tamén regula a mediación como medio de solución de controversias pola vía non xurisdiccional, e introduce reformas procesuais dirixidas a axilizar a tramitación dos procedementos. Estes cambios afectan a moitas das competencias que ten o goberno galego na Administración de Xustiza, como a creación dos Xulgados de Instancia, ou a dotación de sistemas e equipos informáticos ás oficinas de Xustiza que serven de apoio aos xulgados de Paz.
Castro explicou que o goberno galego ten a responsabilidade de revisar as agrupacións de concellos en materia de Xustiza, así como a aprobación dunha relación de postos de traballo e a xestión dos cursos de formación para funcionarios das seccións de infancia, familia ou violencia contra a infancia e a adolescencia.
A responsable socialista emprazara ao goberno galego a constituír este grupo de traballo no que tamén participen o presidente do TSXG, o fiscal xefe de Galicia, os membros da Sala de Goberno do TSXG, así como o Colexio de Avogados e representantes dos sindicatos da Mesa sectorial.