Patricia Iglesias esixe un “trato xusto e igualitario” ás entidades locais e lamenta a negativa dos de Rueda a cumprir coa Lei de Subvencións
A portavoz de Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, lamentou hoxe o voto en contra do PP á proposta que presentou hoxe no Parlamento para rematar co reparto clientelar dos fondos da Xunta aos concellos. Iglesias sinalou o informe que presentou o Consello de Contas a semana pasada, que alerta de que máis da metade das subvencións da Xunta foron repartidas “a dedo” incumprindo a Lei.
A responsable socialista acusa ao goberno galego de beneficiar a aqueles concellos gobernados polo PP cunha práctica “partidista, opaca e clientelar” que vén de ser posta enriba da mesa polo propio Consello de Contas. O ente fiscalizador sinala que a Xunta incumpre a Lei de Subvencións, ademais de que en 2023 deixou de ingresar aos concellos 91 millóns de euros, e que apenas lles trasladou o 0,01 por cento dos 1.475 millóns que recibiu de fondos europeos.
Iglesias reclamou un novo Pacto Local no que participe a Fegamp e que remate coa “infrafinanciación asfixiante” da Xunta aos concellos, aos que obriga a asumir as competencias que lle corresponden ao goberno galego pero sen garantirlles os fondos. A propia Fegamp ten cifrado este déficit de financiamento en máis de 654 millóns de euros que a Xunta lles debe aos concellos galegos, que reciben un 30 por cento máis de financiamento do Estado que do goberno autonómico.
A parlamentaria socialista reclamou un financiamento “xusto, equitativo e eficiente” para os concellos galegos e un trato “igualitario” por parte da Xunta “con independencia da cor azul ou vermella do partido que os goberna”. Explicou que ao controlar o reparto de axudas, a Xunta está a reducir de facto a autonomía municipal, polo que reivindicou este acordo que reflicta a redución das subvencións finalistas e dos convenios de concesión das axudas “a dedo”.