Carlos López Font critica o “fracaso” na xestión da vivenda pública do goberno galego, que deixou no caixón 41 millóns de euros para vivenda mentres rexeitaba 12.300 solicitudes do bono alugueiro
O PP rexeita unha iniciativa socialista que lle esixía á Xunta que executar aos fondos en materia de Vivenda
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Carlos López Font, sinalou que a baixa execución orzamentaria das políticas de vivenda durante o ano pasado dan a medida do “fracaso” do goberno galego. Explicou que a Xunta deixou sen executar 7 de cada 10 euros do Programa de Acceso á Vivenda, e o PP “persiste no erro” ao rexeitar a proposición non de Lei que Font presentou hoxe no Parlamento para pedirlle á Xunta que execute os fondos dos que dispón.
O responsable socialista aludiu ás cifras oficiais de Execución Orzamentaria remitidas polo goberno galego nas que admiten que en 2024 só executaron o 30,1 por cento do programa 451B de Acceso á Vivenda, o que supón que só gastaron o 69,9 por cento dos recursos dispoñibles. En total, explicou, deixaron sen investir 41 millóns de euros en vivenda, a pesares de que gran parte deles proceden de fondos europeos e son enviados a Galicia polo Goberno central.
Criticou que o goberno galego “non apoia aos mozos e mozas, non complementa o Bono Alugueiro Mozo, e rexeita 12.300 peticións para as axudas aos colectivos con maiores necesidades”. O parlamentario socialista dixo que a Xunta persiste na súa política de abandono da política de vivenda dos últimos 16 anos, nos que deixaron sen executar 270 millóns de euros que estaban orzamentados.
López Font responsabilizou ao goberno galego da “nefasta situación” que a cidadanía está a soportar en materia de vivenda, sinaladamente no que ten que ver cos mozos e mozas, que non poden iniciar un proxecto de vida porque son incapaces de asumir os custes dunha vivenda. Advertiu que “as políticas de vivenda do PP en Galicia non se corresponden coas necesidades reais que teñen os galegos e galegas”.
Criticou que “renuncien a explorar medidas como poñer en marcha o Banco Público de Alugueiro proposto polo portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, que garantiría seguridade aos propietarios e prezos razoables aos inquilinos. Lamentou que “deixan a un lado as políticas de apoio ao alugueiro e renuncian a devolver ao mercado as decenas de milleiros de vivendas baleiras que hai rexistradas en Galicia”.