A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista sinalou que “a única política de Rueda é a da inercia. Un Goberno que vive de anuncios e titulares mentres a xente segue agardando solucións que non chegan”, afirmou
Espinosa referiuse á crise dos aranceis: “Mentres o Goberno de España sentábase cos sectores e aprobaba axudas inmediatas, a Xunta non fixo nada. Reaccionaron tarde, mal e sen un só euro novo, maquillando medidas vellas como se foran novas, limitándose a ofrecer créditos a catro anos”
A viceportavoz primeira do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, cargou contra o presidente da Xunta trala xuntanza de Portavoces que definiu os detalles do Debate sobre o Estado da Autonomía. Espinosa advertiu que este debate coincide co primeiro aniversario do Goberno de Rueda, “un ano de inacción, propaganda e ningunha resposta real ás necesidades da cidadanía”.
“O único proxecto que contou coa insistencia do Goberno galego foi Altri, ao que Rueda defendeu con máis paixón que a calquera servizo público. Gustaríanos ver esa mesma teimosía para mellorar a vida das galegas e galegos, pero non foi así”.
Realmente, dixo, “a única política de Rueda é a da inercia. Un Goberno que vive de anuncios e titulares mentres a xente segue agardando solucións que non chegan”. Como exemplo, puxo o caso da crise dos aranceis: “Mentres o Goberno de España sentábase cos sectores e aprobaba axudas inmediatas, a Xunta non fixo nada. Reaccionaron tarde, mal e sen un só euro novo”.
Espinosa criticou que a Xunta estea agora a “maquillar medidas vellas como se foran novas”, limitándose a ofrecer créditos a catro anos sen achegar fondos adicionais nin novas propostas. “É unha política de cosmética, sen contido e sen proxecto”.
A deputada socialista sinalou que este abandono de funcións repítese en todas as áreas de goberno: “Non hai un só ámbito no que Rueda poida presumir de avances reais. Vivenda, sanidade, servizos sociais… todo está peor que hai un ano. E aínda así quere montar unha festa na Cidade da Cultura”.
“Diríalle a Rueda que convide a esa festa a eses milleiros de galegos e galegas que agardan por unha proba médica, por unha consulta especializada, por unha vivenda que poidan pagar ou por unha axuda á dependencia. Que os mire á cara e lles diga que hai algo que celebrar”, afirmou. “Porque non, non estamos para festas: estamos para traballar por Galicia”.
Espinosa tamén advertiu que o presidente volverá facer anuncios “baleiros e en tempo subxuntivo: estudaremos, analizaremos, valoraremos… pero logo non se fai nada”. E apuntou que “o único que se cumpre sempre son as rebaixas fiscais que benefician aos máis ricos, mentres se deterioran os servizos públicos da maioría”.
A socialista sinalou que fronte a isto, o PSdeG levará ao debate propostas claras: “Recuperar os servizos públicos, garantir o acceso á vivenda, e impulsar un modelo industrial sostible e que xere emprego de calidade”.