Silvia Longueira acusa ao goberno galego de permitir o intrusismo no sector de entidades privadas que vulneran o obxecto das políticas e axudas sociais destinadas a estas entidades
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, esixiulle hoxe á Xunta que amose un apoio real ao sector da economía social con inventivos concretos que garantan o traballo das entidades. Así o dixo na comparecencia no Parlamento da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, para dar conta da Estratexia do goberno galego para este sector.
A responsable socialista lamentou o “desleixo e falta de atención ao sector” por parte do goberno galego, que asiste impasible aos serios problemas de financiamento destas entidades polo retraso na entrega das axudas públicas. Alerta da falla do desenvolvemento de medidas en economía circular que garantan a continuidade das entidades que xa están no mercado, e reclama a creación dun órgano fiscalizador que vixíe as políticas de contratación socialmente responsable.
Advirte que a dia de hoxe “nin sequera sabemos cando vai ser publicada a orde de axudas” para aos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social -CEEIS-. Emprazou ao goberno galego a diferenciar os CEE sen ánimo de lucro, que realmente son as entidades de economía social, dos CEE con ánimo de lucro, que “son entidades soportadas por grandes corporacións e fundacións que só buscan beneficiarse das axudas públicas”.
Acusou ao goberno galego de tolerar o intrusismo neste sector de entidades privadas que absorben boa parte do mercado laboral con “manobras de formas de traballar preocupantes e que vulneran a legalidade e o obxecto das políticas e axudas sociais destinadas a este tipo de entidades”.
Longueira reclamoulle ao goberno galego que empregue a Estratexia galega de economía social para oficializar o compromiso co crecemento do sector, e que comecen por garantir un “mellor control e redacción das ordes de axudas”, que actualmente están a entorpecer o acceso ao mesmo por parte das entidades, que se están a sentir “ninguneadas” pola Xunta.