“O que está a facer a Xunta non é neutral. Está facilitando activamente o avance da universidade privada, mesmo á marxe das normas que ela mesma establece para o sistema público. Non é unha decisión técnica, é unha decisión política”, sinalou o deputado socialista Julio Abalde
O PSdeG denuncia que a Xunta de Galicia está a dinamitar o modelo de consenso e planificación construído no Sistema Universitario Galego (SUG), ao autorizar novas titulacións na universidade privada fóra dos mecanismos de acordo que se aplican ás universidades públicas.
O parlamentario socialista Julio Abalde advertiu en Comisión que a Consellería de Educación vén de emitir un informe previo de envío á verificación do grao en Dereito na universidade privada, a pesar de que esta titulación xa se imparte nas tres universidades públicas galegas. Esta decisión chega despois de que en 2023 se autorizara o grao en Psicoloxía, tamén xa existente no sistema público. En ambos casos, as autorizacións producíronse sen diálogo, sen coordinación e sen informar previamente ás universidades públicas, converténdose en feitos consumados.
“O mapa de titulacións aprobado en 2022 —coa participación das tres universidades e da propia Xunta— establecía criterios claros para garantir unha oferta ordenada e complementaria, evitando duplicidades e esixindo consenso. A Xunta está a incumprir ese acordo”, indicou Abalde.
Desde o PSdeG denúnciase que o Goberno galego está a aplicar unha dobre vara de medir: ás universidades públicas impóñenselles límites, recórtaselles autonomía e esíxenselles mínimos de alumnado para manter os títulos; mentres que á universidade privada permíteselle incorporar titulacións xa existentes sen ningún tipo de control nin avaliación do impacto sobre o sistema.
“O que está a facer a Xunta non é neutral. Está facilitando activamente o avance da universidade privada, mesmo á marxe das normas que ela mesma establece para o sistema público. Non é unha decisión técnica, é unha decisión política”, sinalou o deputado socialista.
Para o PSdeG, esta actitude encaixa coa estratexia recorrente do Partido Popular: limitar e debilitar o público para abrir espazo ao privado. “Non lles gusta o público. Non creen nel. E actúan en consecuencia. A universidade pública galega non conta como debería co respaldo da administración autonómica”, concluíu Abalde.