Elena Espinosa alerta de que o goberno galego empeorou tódalas previsións a pesares de ofrecer “datos falsos” de esperas sanitarias
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou hoxe á Xunta de “remar en contra” do traballo dos profesionais sanitarios e de converter as listas de espera no “burato negro da xestión da sanidade galega”. Así o dixo no Pleno do Parlamento, no que presentou unha Interpelación para reclamarlle ao conselleiro de Sanidade que presente propostas en positivo para mellorar a situación da sanidade pública.
A responsable socialista alertou de que “a xestión da sanidade está tinguida de negro, e só resplandece o labor dos profesionais”, mentres o goberno galego só se preocupa de falsear os datos oficiais deixando fora boa parte das persoas que están a agardar pola atención sanitaria. Alertou de que a pesares de “trampear” as cifras -como ten constatado a Valedora do Pobo-, a súa xestión empeorou as esperas en tódalas especialidades entre 2019 e 2024.
Así, as esperas por unha consulta pasaron de 166.827 en 2019 a 196.267 en 2024, cunha espera media de 60,8 días, lonxe dos 42 que fixaran como obxectivo hai dous anos, mentres as persoas agardando por unha intervención cirúrxica pasaron de 35.720 a 48.335. O mesmo sucede no caso das probas diagnósticas, que aumentaron de 84.976 a 113.606 persoas entre 2019 e 2023.
Criticou que o conselleiro ofreza unha “resposta nula” ao problema das listas de espera, con intervencións cargadas de “autocompracencia e autobombo” pero baleiras da “mínima proposta para tratar de mellorar a situación das nosas listas de espera”. Estas, dixo, xa afectan a 358.208 persoas inscritas nas listaxes “oficiais” mentres o goberno galego “non quere que se coñeza cal é a realidade”.
Advertiu que as demoras na atención son “inasumibles” e levan ao sistema a unha situación “insostible”, ata o punto de que representan o primeiro motivo de insatisfacción dos usuarios, rachan co principio de igualdade efectiva no acceso á sanidade e empeoran a saúde dos pacientes. Alertou de que o desastre de xestión sanitaria do goberno galego dispara a demanda dos seguros privados, ata o punto de que o 44,5 por cento dos usuarios escollen un seguro privado polas listas de espera.
A responsable socialista concluíu citando á Federación de Asociacións de Defensa da Sanidade Pública, que advirte do menor interese na sanidade pública por parte dos gobernos do PP nas comunidades autónomas. Puntualizou que “está clarísimo quen ten gañas de loitar pola sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade”.