Visita a empresa Tarlogic, un “referente en ciberseguridade e ciberintelixencia e un exemplo do talento que ten Galicia” afincada en Teo
O líder dos socialistas galegos apunta que Galicia precisa dun presidente que crea no potencial das empresas galegas no marco da reindustrialización
Reclámalle a Rueda que abandone a estratexia “titubeante” do PP e ao BNG que tome exemplo do PNV que “pon os valores democráticos e a idea de Europa por riba dos intereses puramente nacionalistas”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, emprazou ao presidente da Xunta a “abandeirar” á industria galega nunha estratexia que a sitúe como protagonista e referente no novo escenario europeo marcado pola transición dixital tecnolóxica e medioambiental. Logo dunha visita á empresa de Teo Tarlogic, un “referente en ciberseguridade e ciberintelixencia”, emprazou a Rueda a “cooperar e colaborar” co Estado fronte á ameaza da ofensiva comercial iniciada por Donald Trump.
O responsable socialista puxo á empresa de Teo como “mostra das posibilidades que se abren para a industria galega nos campos da seguridade, da industria e da xeración de maiores e mellores empregos para Galicia”. Emprazou a aproveitar o marco xeopolítico para “traballar por unha independencia económica, tecnolóxica en Europa e polo tanto tamén en Galicia, onde non valen as medias tintas”.
Reclamoulle ao presidente da Xunta que abandone a estratexia “titubeante” do PP a nivel nacional con relación á posición de Europa no mundo, e emprazou ao BNG a tomar exemplo da posición do PNV, que “pon os valores democráticos e a idea forza de Europa por riba dos intereses puramente nacionalistas”. Reivindicou a posición dos socialistas a favor de “defender mellor a Galicia dentro dunha Europa forte” con intereses económicos coincidentes.
Rueda debe colaborar co goberno fronte á ofensiva de Trump
O líder dos socialistas galegos emprazou ao presidente da Xunta a “colaborar e cooperar co goberno de España” fronte á ofensiva comercial aberta polo presidente dos Estados Unidos que busca “prexudicar a relación comercial” e a produción industrial europea, española e por extensión tamén galega. Sinalou que “a posición que debemos adoptar dentro de Galicai é a de sumarnos á forza de Europa” e coincidir nunha posición común.
Sinaoulle a Rueda que tome en serio a ameaza que representa Trump para a economía glaega, que se vai ver “sancionada e prexudicada” pola imposición de aranceis no mercado norteamericano, á que cumpre responder de forma conxunta dentro do continente. Sinalou que só unha resposta conxunta pode minorar a “decisión histórica” de Estados Unidos de “poñerse en contra do resto do mundo”.
Así o dixo na visita á empresa Tarlogic xunto coa portavoz de Industria do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, o secretario de Innovación, IA e Transformación Dixital da Executiva do PSdeG, Fran Cardama, e o secretario de Acción Territorial e Formación do PSdeG, Aitor Bouza.