O secretario xeral do PSdeG reafirma na cidade naval o compromiso do Partido Socialista cun sector decisivo para a autonomía produtiva do continente
O líder dos socialistas galegos chama a PP e BNG a unirse ao “compromiso con Europa” e “abandonar as posicións de complicidade coa ultradereita e o ultranacionalismo que nada ten que ver coa defensa de Galicia e de Europa”
Reivindica o papel do portavoz socialista en Ferrol, Ángel Mato, como pai do proxecto Abrir Ferrol ao Mar, que hoxe asinaron Armada e Concello
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, salientou hoxe compromiso do PSdeG e do goberno de Pedro Sánchez para situar a Ferrol á cabeza do proceso de reindustrialización que garanta o papel estratéxico de Galicia no futuro de Europa. Así o dixo na sinatura do Protocolo de colaboración entre Defensa e Ferrol para o Plan Director Abrir Ferrol ao Mar, un acto no que participou a ministra de Defensa, Margarita Robles, e ao que asistiu o portavoz do PSdeG de Ferrol, Ángel Mato.
O líder dos socialistas galegos situou á industria de Ferrolterra como eixo para garantir a autonomía de Europa no actual contexto internacional. Apuntou así á “posibilidade clara” de avanzar e darlles continuidade a Investimentos como o programa de construción das fragatas F-110, con innovacións que se amplían ao naval civil e o eido tecnolóxico, a automoción ou a IA.
Sinalou que “o mapa actual de seguridade e de protección da UE confirma que Galicia ten que fortalecer a súa reindustrialización e a súa posición económica” que contribúa á autonomía produtiva do continente, no que “Galicia e a comarca de Ferrol teñen moito que dicir”. Reivindicou os valores democráticos e a liberdade e prosperidade que defenden Europa e os socialistas.
O líder dos socialistas galegos defendeu a posición “profundamente galeguista e europea” do PSdeG no “marco de seguridade” do continente, e emprazou a PP e BNG a “que confirmen o seu compromiso” e demostren se “son europeístas convencidos ou de pacotilla”. Neste sentido, reclamoulles “a uns que abandonen as posicións de complicidade coa ultradereita, e aos outros que abandonen as posicións ultranacionalistas que nada teñen que ver coa defensa de Galicia e de Europa”.
Ferrol
José Ramón Gómez Besteiro reivindicou o papel de Ángel Mato como “pai” do proxecto de Abrir Ferrol ao Mar, que impulsou na súa etapa como alcalde e que hoxe foi asinado polo Concello coa Armada.
Salientou o compromiso do goberno socialista coa localidade e a comarca tanto no impulso da industria naval como da tecnoloxía, así como cos investimentos para a humanización da avenida das Pías, o impulso da vivenda pública no Sánchez Aguilera ou a xeración de emprego industrial.
Durante a sinatura do protocolo entre a Armada e o Concello, a ministra de Defensa recordou o “impulso esencial e fundamental” que lle deu ao proxecto Abrir Ferrol ao Mar o anterior rexedor, Ángel Mato, xunto ao anterior almirante xefe do Arsenal, Ignacio Frutos. Ambos, dixo, transmitíronlle a Robles “a ilusión” que implicaba para a cidade poder desenvolvelo.