Silvia Longueira advirte que o PP incumpre a Lei de Servizos Sociais ao non aprobar ningunha planificación desde o 2009
“Territorios desertizados sen servizos, residencias deterioradas sen profesionais suficientes, desprazamentos de até dúas horas para acceder a unha praza, persoas dependentes que pasan meses hospitalizadas por falta de recursos. Esta é a Galicia real que viven milleiros de persoas maiores, dependentes e familias vulnerables. E non é unha fatalidade, é a consecuencia directa da incapacidade da Xunta para xestionar a Política Social e da súa negativa a cumprir a lei”.
A deputada socialista Silvia Longueira denunciou hoxe no Parlamento que a Consellería leva 16 anos sen aprobar ningún dos plans estratéxicos obrigatorios que establece a Lei de Servizos Sociais de Galicia desde 2008. “Non é só unha irresponsabilidade política, é un incumprimento legal continuado”, afirmou.
Silvia Longueira explicou que a Lei é clara: “Cada seis anos debe aprobarse un plan estratéxico para avaliar as necesidades sociais e planificar os recursos. Xa deberiamos ter dous aprobados e estar elaborando o terceiro. Non houbo nin un”.
Sen planificación non hai sistema
A ausencia dese plan provoca un efecto dominó que bloquea o sistema público de servizos sociais, impide activar transferencias de capital para que os concellos poidan crear ou mellorar centros de día, residencias ou albergues, como prevé o decreto 99/2012, e deixa sen marco de referencia o desenvolvemento do mapa galego de servizos sociais.
Segundo recordou, tamén desmantela o papel dos traballadores sociais na valoración da dependencia, xera unha rede descoordinada, ineficiente e desigual no territorio e obriga aos hospitais a asumir a atención de persoas dependentes por falta de prazas, agravando o colapso hospitalario.
Os datos falan por si sós
Segundo os últimos informes oficiais recoll que, en 2023, Galicia rexistrou case 73.700 persoas dependentes atendidas, pero había 84.000 solicitudes de recoñecemento, e 346 persoas faleceron agardando ser atendidas. Ademais, a cobertura de prazas e servizos está “por debaixo da media estatal en case todos os indicadores: residencias, axuda no fogar, teleasistencia, atención á discapacidade ou recursos para mulleres vítimas de violencia”.
Longueira advertiu que o XXIV Observatorio da Dependencia sitúa a Galicia no posto 14 entre as 17 comunidades, con só 465 euros de gasto por habitante “e un retroceso nas tres dimensións clave: planificación, investimento e cobertura”. A realidade en Galicia é a dos chamados “dereitos de papel”: leis que recoñecen dereitos que non se exercen na práctica.
Silvia Longueira subliñou que estes datos demostran que a falta de planificación non é un detalle administrativo, senón unha traba estrutural que impide dar resposta ás necesidades sociais máis urxentes.
A Xunta culpa a quen lle pon os cartos
Mentres o goberno galego intenta escudarse na falta de recursos, os datos desmenten ese relato. En 2024, Galicia foi a segunda comunidade que máis fondos recibiu para dependencia, só por detrás da Rioxa. O Goberno de España achegou o 40,7 % do financiamento, con 221 millóns de euros.
Silvia Longueira acusou ao PP de ocultarse detrás do financiamento estatal mentres rexeita exercer as súas propias competencias. As outras 13 comunidades que van por diante de Galicia tamén reciben fondos do Estado, “mais a diferenza é que planifican, executan e cumpren a lei. Aquí, simplemente, non fan nada”, dixo.
E concluíu: “Se non hai planificación, non hai sistema, e sen sistema, os máis vulnerables pagan as consecuencias. Iso é o que está pasando en Galicia”.