O secretario xeral do PSdeG reuniu en Santiago á dirección saída do 15.º Congreso Nacional, con secretarías dedicadas “aos problemas reais de Galicia e aos novos retos”
A CENG, que concitou o apoio do 93 % dos delegados no máximo organo do partido, ten carácter paritario e unha ampla representación de mozos e mozas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reuniu en Santiago á Comisión Executiva Nacional Galega (CENG) saída do 15.º Congreso Nacional do partido a pasada fin de semana. No primeiro encontro do órgano de dirección, Besteiro chamou a construír o proxecto “da única alternativa de goberno” dende a “ilusión” e coa fortaleza que lle da á nova Executiva o apoio do 93 % dos delegados e delegadas do máximo órgano do PSdeG.
Trátase dunha CENG de caráter paritario, “como corresponde á Executiva do Congreso do 8M”, e na que hai unha destacada presenza de mozos e mozas. Deles, o secretario xeral destacou “non a súa xuventude, senón a súa capacidade”.
Durante a xuntanza, no Centro de Estudos Avanzados da USC, o líder socialista sinalou o resultado do Congreso como o punto de partida dunha nova etapa na que “gañar a confianza dos galegos e das galegas”, coas eleccións municipais de 2027 como primeiro obxectivo. Tamén remarcou que está integrada por secretarías cuxas funcións responden “aos problemas reais da Galicia actual”, como a vivenda, o clima, a industria, o emprego ou a mobilidade, e, por outra banda, “aos novos retos”, por exemplo, a innovación, a intelixencia artificial, a transformación dixital e a rexeneración democrática.
Estrenou o seu cargo na secretaría de Organización do partido Lara Méndez, da que Besteiro salientou a súa capacidade de diálogo, o consenso que suscita dentro do PSeG e a súa experiencia, tanto orgánica coma na xestión pública. Tamén a súa procedencia do mundo municipal, referencia nun partido cuxos alcaldes e alcaldesas gobernan desde os concellos á metade da poboación galega.