Silvia Longueira reclama axuda “puntual e concreta” do goberno galego ás fundacións culturais que sobreviven con apoio dos gobernos municipais e provinciais
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, emprazou ao goberno galego a revisar e actualizar a Lei do Libro e da Lectura, aprobada en 2006 e aplicada polo PP dende hai 15 anos “de forma parcheada e agónica”. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Cultura, que presentou no Parlamento un Plan de dinamización da lectura lastrado por unha Lei que Longueira cualificou de “asmática”.
Reclamou un texto acorde aos novos tempos e os novos soportes de lectura, que condicionan os hábitos da lectura e que permitan por exemplo afrontar o “grave problema coas fake news” e a capacidade de despregar unha lectura comprensiva e crítica. Neste sentido, cuestionou que incorporen ás redes sociais como baremo de lectura, cando “non é lectura dixital, é entretemento”, salvo cando se refiren ao libro ou o xornal dixital.
A responsable socialista reclamou ademais un programa específico para o fomento da lectura dentro do xénero masculino, logo de sinalar que os datos presentados polo goberno galego alertan dunha diferenza notable nos hábitos de lectura entre as mulleres -cun 75 por cento- e os homes -que baixan ata o 56 por cento-.
Fundacións culturais
A parlamentaria socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Cultura para reclamarlle ao goberno galego que garanta unha axuda “puntual e concreta” das fundacións culturais locais, que subsisten grazas ao apoio dos concellos e sinaladamente das deputacións da Coruña e Lugo. Reclamoulle á Xunta que reactive o apoio posto en marcha polo goberno do socialista Pérez Touriño que permita impulsar estas iniciativas.
Criticou que obrigue a estas entidades fundamentais para a cultura galega a ir “proxecto a proxecto e ano a ano chamando á porta do conselleiro de turno a ver se cae o boleto premiado”, e que sobreviven grazas a que os organismos municipais e provinciais están a “suplir o que non fai a Xunta”. Salientou a importancia destas entidades para o desenvolvemento da cultura galega, ao exemplo da Eugenio Granell, a Luis Seoane ou a Fundación Laxeiro.