Julio Abalde reclama unha nova redacción da norma que garanta ferramentas de protección fronte aos perigos éticos do uso da IA e medidas para impulsar e manter un sector tecnolóxico propio
O parlamentario socialista Julio Abalde alertou hoxe de que a Lei da IA presentada pola Xunta resulta “xenérica e indeterminada” e que supón unha “oportunidade perdida” porque se limita a regular o uso desta tecnoloxía pola administración autonómica. Así o dixo no debate da Lei en Comisión, na que os socialistas votaron en contra pero que quedou pendente do debate final no Pleno co apoio do PP en solitario.
Abalde sinalou ás “importantes carencias” do texto, que renuncia a incorporar mecanismos para protexer á sociedade dos perigos éticos do uso inadecuado da IA, como as noticias falsas, o uso inadecuado en redes, o ciberacoso ou os ataques aos dereitos persoais de vulneración da intimidade persoal. Reclamou unha nova redacción da norma que concrete as medidas para desenvolver un entorno de coñecemento e innovación na IA.
O responsable socialista reclamou unha nova redacción que permita impulsar e manter un sector empresarial tecnolóxico propio, que desenvolva a súa actividade dende Galicia e reforce os mecanismos de atracción do talento tecnolóxico. Apuntou que o sector precisa que as políticas públicas e os programas de gasto e investimento da Xunta teñan en conta o seu papel como “axente fundamental para manter e atraer ás empresas tecnolóxicas.
A “falla de ambición” da norma da Xunta, dixo, reduce a Lei a unha “simple norma para regular e controlar o uso das plataformas de IA por parte da administración, deixando fóra da Lei aspectos relativos aos dereitos dixitais, así como a regulación, supervisión e sanción dos casos de incumprimento”. Ao excluír as aplicacións de IA de uso xeral ou experimental, ademais, “abre espazos de incerteza no exercicio dos dereitos que recolle a norma”.
Criticou que, ademais da falla de concreción para regular o desenvolvemento e utilización da IA, non recoñece o papel central da AESIA, que ten a súa sede na Coruña, e renuncia a establecer medidas para crear ferramentas que permitan poñer plataformas de IA galega a disposición do sector para que poidan ser empregadas polos programadores e o sector empresarial propio.