Algo máis da metade das emendas foron aprobadas de xeito directo, rexeitáronse menos dun 15 % e as demais transaccionáronse entre o equipo redactor e os participantes nas catro comisións
O Plenario do 15.º Congreso Nacional do PSdeG aprobou esta tarde por unanimidade o ditame das catro comisións que debateron as emendas ao relatorio marco. O coordinador dos traballos, Julio Torrado, destacou ante os delegados e delegadas a importancia dos acordos que se foron acadando ao longo das últimas semanas e que se concretaron nesta xornada do Congreso.
Máis da metade das emendas que presentaron militantes e agrupacións aprobáronse de xeito directo. Unicamente se rexeitaron arredor dun 15 %, e as restantes transaccionáronse entre os membros do equipo redactor e os participantes nas catro comisións, que se distribuíron tematicamente en “Unha Galicia en igualdade”, “Unha Galicia próspera e sostible”, “Os dereitos como garantía de equidade” e Comisión de Estatutos.
Nos debates tivo especial relevancia o ámbito da Igualdade. O Congreso aplaudiu as propostas da abolición do xénero e a loita contra a execrable lacra da prostitución. De feito, o relatorio explicita a posición abolicionista dos socialistas.
Outra das cuestións que concitou maior apoio entre a militancia foi a proposta para a intervención directa da Administración no mercado da vivenda, a través dun banco público que alugueiro, co fin de garantir prezos accesibles.
Obtivo o mesmo acordo o reforzo do sistema sanitario público. Destaca, nese senso, a proposta de que a atención primaria debe dar resposta á cidadanía en 48 horas como máximo. A ela únese a valoración da dedicación exclusiva dos profesionais sanitarios, en concreto nas xefaturas de servizo e postos directivos.
Tamén foi moi valorada a aposta decidida por unha planificación e impulso das enerxías limpas. O relatorio fai referencia aos beneficios medioambientais e tamén ao aproveitamento do potencial en xeración de enerxía que existe en Galicia, tanto como sector económico como reindustrializador.
No eido industrial e empresarial, o documento recolle de xeito literal que Galicia “xa dedicou importantes recursos naturais con custes ambientais á produción de celulosa de orixe forestal” e, polo tanto, non pode ter consideración de estratéxico ningún outro proxecto que implique esta mesma liña.